Na cachela

María Cobas Vázquez
María Cobas DESDE O OUTEIRO

OURENSE

01 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Prepara a cachela, mamá, e compra sardiñas... que imos para o San Xoán. Habemos saltar o lume sete veces (ou setecentas) para deixar atrás os malos momentos do último ano e purificarnos de cara ao verán. E despois á verbena, pasando antes polas barracas, que a pequecha pouco viu as do ano pasado.

-María, que dis?

-Si, mamá. Non me digas que non, deixame soñar con que vai ser así.

Xa sei que non. Este ano non haberá verbenas, nin barracas, nin festas, nin festivais... Polo menos non da maneira que as temos vivido e bebido en Galicia ata o de agora. O único que a estas alturas parece posible é que non poidamos ir ver o mar ata finais de xuño. Aínda quedan polo menos seis semanas máis. Seis semanas! Como se as sete que levamos non tiveran sido suficientes. Sete semanas nas que, levamos aprendido algo? Eu creo que quen era cretino, así quedou. E quen era boa xente, pois iso, boa xente se queda. Quizais valeu para fomentar o compañeirismo, si, pero nada de recuperar almas perdidas. Só hai que ver aos que están sempre cabreados (e que normalmente están na oposición), que só saben derrapar. Porque aquí todo o mundo sabe como conter unha pandemia e salvar o país. Hai heroes a patadas. Vai ser a salvación das empresas de medias. Que barbaridade! Eu creo que se de algo serviu ver as rúas baleiras e os baixos todos pechados é para saber como serían as vilas e cidades sen comercio local e sen bares. Serían sitios ben tristes, recordando aos barrios ás aforas de grandes cidades aos que a xente só vai durmir. E nin se coñece. A min a imaxe non me gustou. E a ti? Nas nosas mans está que non se faga realidade.