O reto de estar preto dos lectores


Os cidadáns confinados asomámonos ás ventás e balcóns para comunicarnos cos nosos semellantes nestes tempos de COVID-19. Nestes momentos as bibliotecas tamén se asoman a ventás dixitais nas que intentamos aportar o noso gran de area para achegar un servizo aos nosos usuarios.

Agora, máis que nunca, ponse a proba a nosa bagaxe cultural e a nosa profesionalidade no ámbito da cultura, nos estudos de humanidades, pero tamén no noso coñecemento das ferramentas dixitais.

Este confinamento deixa en suspenso o préstamo físico, a itinerancia dos libros e a comunicación físico-afectiva que se establece entre bibliotecario e usuarios, pero ábrenos a posibilidade de relanzar o proceso que xa iniciamos fai uns anos na biblioteca dixital, na comunicación da biblioteca a través das redes sociais, para achegar contidos, novidades de fondos bibliográficos da biblioteca, informar das actividades de fomento da lectura e intentar promover o aumento de usuarios.

O obxectivo orixinal das bibliotecas foi facilitar o acceso da poboación á información mediante a provisión, catalogación e xestión de coleccións de libros que permitisen unha utilización gratuíta das mesmas. Hoxe en día, a información xa non se busca en libros de papel. Internet e a dixitalización de contidos facilitaron o acceso a inxentes datos en formato dixital, webs, ebooks, Wikipedia, Youtube, blogs, redes sociais… É por iso, que as bibliotecas teñen que renovarse e adaptarse aos novos tempos, e neso estamos.

Xa fai uns anos, nun curso de formación bibliotecaria da Rede de Bibliotecas de Galicia en Santiago de Compostela, María González, da Biblioteca Pública de Xermade, e eu mesma, da Biblioteca Pública de Ribadavia, tras detectar a falla de comunicación entre os bibliotecarios municipais de Galicia, moitos deles illados debido a dispersión poboacional, decidimos iniciar un grupo de wasap de bibliotecarios municipais. E ese foi un gran contacto coa rede social máis estendida no mundo, de cinco bibliotecarios que iniciamos o grupo, hoxe en día somos 109 persoas en liña, compartindo información que logo facemos chegar aos nosos usuarios.

Esta ferramenta permitiunos que neste confinamento, e ante a falta de actividades de fomento da lectura físicas, como contacontos e obradoiros, iniciásemos entre varios un proxecto nas redes sociais chamado a «Hora do conto». Cada día, ás 17.00 horas, unha biblioteca, por orde alfabético, elixe un videoconto, para poñer nas redes sociais das distintas bibliotecas municipais e cos hastags #quedanacasaele #quedateencasaylee e #bibliotecasmunicipais.

Por outro lado, as redes sociais ofrecen unha grande oportunidade para as bibliotecas, para relacionarnos cos usuarios e con outras bibliotecas, contribuíndo a un coñecemento compartido, de recursos, información e proxectos.

Co confinamento o noso labor é facilitar o acceso da poboación á información que daríamos fisicamente. Con esa premisa, iniciamos un proceso de busca de contidos, información e libros dixitais gratuítos para os nosos usuarios, para xerala e compartila. É necesario reinventarse constantemente.

Nestes días, nas nosas redes sociais, é posible atopar, tras investigar a fondo as publicacións de distintas editoriais, webs e blogs, para poder recompilar, actividades diversas para os nosos usuarios e ademais dosificala convenientemente, actividades ou libros descargables para nenos, contido para adultos e como non, non só libros, senón tamén todo o que abrangue a cultura, películas online gratuítas, documentais, recitais musicais, visitas virtuais a museos, etcétera.

Fai uns anos, a Rede de Bibliotecas de Galicia, dependente da Consellería de Cultura, puxo a disposición dos usuarios das bibliotecas que formaban parte da Rede, GaliciaLe, a plataforma de préstamo de libros, revistas e películas en formato electrónico que tiña como obxectivo facilitar o acceso de toda a cidadanía á cultura. Este proxecto incrementou o número de préstamo online, debido o confinamento, a promoción dos bibliotecarios municipais nesta época de falla de préstamos físicos e a facilidade de darse de alta no momento (antes facía falta ter o carné dalgunha biblioteca da rede).

Pero outros están a contribuír ao #quedanacasaele co acceso a libros e revistas gratuítos do seu catálogo, como a editorial Planteta, a Editorial Discursiva, plataformas como iQuiosc e Kioskoymas que facilitan o acceso libre a distintas revistas ata o 1 de abril, a editorial Alpha Decay, a Editorial Anagrama, Ediciones El Naranjo, Astiberri, Errata Naturae, Roca Editorial… E máis que iremos descubrindo e informando mediante as redes sociais da nosa biblioteca. Todo para entreter e axudar neste confinamento.

Co paso dos días, a información autoxenérase e enriquécese con novas achegas, compartindo a dos demais e a través do coñecemento do noso labor online, outras editoriais e webs, contactan vía email ou mensaxe nas redes sociais para contribuír tamén ao #quedanacasaele, como é o caso de a Editorial DosIlustrados, Planeta Cómic, a Asociación Garaje, que envían ebooks e actividades para os nosos usuarios. Dende aquí o noso agradecemento.

Teresa Rivela es bibliotecaria municipal en Ribadavia

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ourense

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

O reto de estar preto dos lectores