Lista feita

María Cobas Vázquez
María Cobas DESDE O OUTEIRO

OURENSE

28 mar 2020 . Actualizado a las 20:50 h.

Veña, ánimo. Xa queda un suspiro para dobrar a segunda semana, e iremos xa pola metade (si, pensemos que quedan dúas semanas). Serán duras, pero sairemos adiante. Máis fortes e tamén máis conscientes do que queremos. E do que non. Será por tempo para pensar. Como o levan? Eu vou tirando. Teño os meus momentos, supoño que como todos (ou case) nos que choro a escondidas e despois véñome arriba. Moitas veces chégame con pensar que só temos que estar na casa. Non estamos acostumados. Non é o noso. E menos agora que vén o soliño e os días son algo máis longos. Pero só nos piden iso. Tampouco é para tanto, non? Non é unha guerra, non é pasar fame, non é unha penuria... Só quedar na casa. Na miña, por certo, estamos todos ben. E a iso me aferro cando me vou abaixo. Penso entón nos que están nos hospitais, ou neses que teñen aos pais ou os avós nunha residencia na que hai un lote de casos e non poden ir ver aos seus, ou neses outros que teñen a algún ser querido na UCI e viven coa angustia de se o volverán abrazar (ou coa enorme pena de saber que non se van poder despedir). Non é resignación cristiá (que diso non gasto), pero si un intento por poñer as cousas na balanza e comprobar que nin tan mal. Iso si, coa lista de todo o que quero facer preparada para cando isto remate e volvamos vivir cousas que ata hai un par de semanas parecía que non significaban nada e que agora sabemos que o son todo (ou case). E quero, sobre todo, que miña nai poida axudar á pequecha nos seus primeiros pasos. Quero que lle dea nas fazulas todos eses bicos virtuais que lle leva dado estes días. Por iso #QuedoNaCasa.