Xogada mestra

Xosé M. Rodríguez ANACOS

OURENSE

05 mar 2020 . Actualizado a las 13:38 h.

OTeatro Principal de Ourense, a referencia cultural senlleira da cidade, vai pasar a ser xestionado polo Concello. O resumo do acordo, que se avanza nun comunicado por parte da Administración local ourensá, deixa claras as intencións: o Concello farase cargo da xestión e do persoal -o edificio forma parte do patrimonio da Deputación-, e os extremos do acordo entre as institucións pecharanse nun futuro próximo.

Sen entrar na treboada que poida chegar no futuro, por aquilo de ver como se asimila aos traballadores -en caso de que así fora-, o que está claro é que o organismo provincial fai unha xogada mestra a conta do que vai cedendo polas outras bandas. O Teatro Principal foi empregado de forma sistemática pola oposición do pazo do Progreso como munición contra o goberno provincial. Os orzamentos, o baremo custe-espectador e o privilexio que supoñía para a cidade -por que non se facía máis programación cultural na provincia ao tratarse dun organismo para a mesma e se beneficiaba sistematicamente ao concello con máis poboación era o argumento- eran temas recorrentes.

O proceso veu dado. No acordo PP-DO foi no lote do soldo de Armando Ojea (DO) ser o responsable do Principal e o Centro Cultural Marcos Valcárcel. E agora a Deputación bótalle enriba ao Concello a xestión e os gastos que xera o teatro. Jácome, que tivo no Principal sempre un obxecto de desexo -para o rendemento político- vai papar o sapo co pretexto de evitar «contraprogramacións». A política é iso e no intercambio de cromos ao alcalde tócalle agora apandar polo que xa lle levan dado. A vida mesma!