O Concello de Ourense asumirá a xestión do Teatro Principal

A Deputación só manterá a titularidade do edificio da rúa da Paz


ourense / la voz

O Concello de Ourense asumirá a xestión do Teatro Principal para «mellorar a coordinación e a programación cultural». Así o acordaron os responsables do Concello e a Deputación, titular do teatro, nunha xuntanza na que se pechou un acordo «que pretende rendabilizar ao máximo ambos espazos e evitar ‘contraprogramacións’». O acordo, segundo se sinala nunha nota emitida polo Concello, materializarase nos vindeiros días.

Dende a administración local incídese no feito de que a decisión «ten como obxectivo mellorar a coordinación, a planificación e a execución da programación de actividades culturais da cidade, xa que será o Concello quen xestione os dous espazos culturais máis importantes, versátiles e de maior capacidade de público e desenvolvemento de espectáculos culturais en Ourense: o Auditorio e o Teatro Principal». O Concello de Ourense terá pleno control na realización de espectáculos culturais na cidade, «o que lle permitirá evitar contraprogramacións de actividades que, ao coincidir en data, obrigaban ao público a ter que elixir entre a programación dos dous espazos culturais». O persoal do centro, composto por unha ducia de profesionais, será asumido pola institución municipal.

O funcionamento do espazo cultural da rúa da Paz, a xestión do mesmo, o orzamento, a necesidade de coordinar programacións para que non coincidisen actividades nunha franxa horaria común e ata o feito de ser un organismo provincial que beneficiaba á cidade e non aos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia -todos agás Ourense- que son aos que se dirixen as accións da Deputación sempre foron argumentos dos respectivos grupos políticos con presenza na corporación provincial.

Agora, segundo se anunciou este mércores dende o Concello, «Ourense vai gañar con este acordo, xa que a cidade terá unha programación mellor, moito máis acorde, máis fusionada e sen as perigosas contraprogramacións que se producían». A maiores, a administración local contará cun local «no epicentro da cidade, que ten moito máis sentido que estea nas mans do Concello como espazo para o desenvolvemento de actividades municipais».

Unha vella proposta

Dende o organismo provincial o seu titular, José Manuel Baltar Blanco incidía no feito de que a Deputación de Ourense hai anos que leva propoñendo, aos sucesivos alcaldes da cidade, traspasar a xestión do Principal ao Concello. O obxectivo da entidade provincial «é manter a titularidade do inmoble a custe cero» -sinala Baltar Blanco-, ao asumir os gastos de xestión e de persoal a administración local. O principio do acordo acadado entre as partes é ese e agora haberá que pechar as condicións.

Deputación e Concello xa acordaron hai semanas unha permuta de locais para dedicalos a iniciativas propias. Así, as dependencias que ocupa na actualidade a Escola de Artes e Oficios da Deputación -na rúa Doctor Marañón- serán destinadas a oficinas do Concello de Ourense, trasladando esta actividade para o Auditorio, concretamente para o espazo que ocupou en tempos a oficina do OUFF.

No caso do Teatro Principal o mesmo conta na actualidade con doce traballadores, entre funcionarios e persoal laboral fixo. A dirección do espazo cultural da rúa da Paz é responsabilidade de Olga Mojón, que é funcionaria do organismo provincial.

A oposición amósase escéptica ante o acordo e pide máis detalles sobre o mesmo

O acordo para que o Concello de Ourense asuma a xestión do Teatro Principal foi recibido con escepticismo pola oposición. O portavoz do PSOE no Concello e na Deputación, Rafael Rodríguez Villarino, cre que este anuncio seguirá o mesmo camiño que os do rañaceos ou o parque do mapamundi. Esta é unha nova «cortina de fume», asegurou o socialista, que cre que a mellor solución sería a creación dun consorcio coa participación do Concello, a Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia para a xestión tanto do Teatro Principal como do Auditorio Municipal.

O portavoz de Ciudadanos no Concello, José Araújo, dixo estar sorprendido. «Éntrannos unha chea de dúbidas que espero que nos aclaren nos próximos días», sinalou o líder da formación laranxa, que fixo fincapé en que é necesario saber se o Concello asumirá ou non o persoal. «É unha cuestión das que máis me preocúpan», dixo Araújo, que asegurou que para evitar a contraprogramación entre o Principal e o Auditorio non é necesario ese modelo de xestión, senón unha simple mesa de traballo: «A programación pódese coordinar sen que o concello asuma custes».

Finalmente, o portavoz do BNG, Luís Seara, tamén amosou a súa intención de solicitar máis información sobre os detalles concretos do acordo entre o Concello de Ourense e a Deputación. «Sen coñecelos non se pode un pronunciar aínda», asegurou o nacionalista, que lembrou que esta era unha vella reivindicación do Bloque: « Levamos vinte anos, como mínimo, reclamando esa transferencia».

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ourense

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

O Concello de Ourense asumirá a xestión do Teatro Principal