«Quedei un tempo para axudar na adega e xa non houbo volta atrás»

Manuel Méndez implicouse na empresa familiar e agora comparte proxecto cos fillos


ourense / la voz

A historia do Ribeiro leva séculos escribíndose a base de proxectos familiares que van dando continuidade a unha realidade que creou unha das zonas con maior singularidade de Galicia. As viñas e a relación co mundo do viño foi percorrendo as xenealoxías das xentes da comarca, e así segue a ser nuns tempos nos que cada vez o sector está máis globalizado e no que, quen llo ía dicir aos viticultores de hai un século, dende Toén saen botellas coas que se goza dun bo viño en Europa, Xapón, Brasil ou mesmo en Australia.

A creación de Pazo do Mar cumpre cos parámetros da tradición. O pai de Manuel Méndez Paz tiña unha pequena adega e cando el rematou a carreira de Enxeñeiro Industrial Superior o mundo quedaba por seu: «Daquela non é como agora, eramos poucos e podías escoller traballar onde quixeras porque había moita demanda de enxeñeiros. E debo ser o único deses anos que non chegou a exercer un só día. Meu pai tiña unha pequena adega e sempre me dixo que fixera o que quixese. Logo de meditar sobre as posibilidades que se me presentaran tomei unha decisión. ‘Marcho para a Citroën’, dixen, e daquela meu pai propúxome que quedase aínda un chisco para axudar co viño, que tiña tempo de marchar... e xa non houbo volta atrás».

A adega ampliouse e os viñedos tamén. E no 2002 abre unha nova etapa logo de deixar o proxecto familiar de Campante: merca unha propiedade próxima e crea cos seus fillos Pazo do Mar.

A Eva e Manuel pasoulles como ao seu pai. Licenciados en Administración de Empresas e en Económicas, respectivamente, remataron dedicándose profesionalmente a algo no que xa estiveran implicados dende nenos. Ela é a responsable administrativa e o seu irmán o comercial. O pai bótase da parte de fóra, «agora son eles os que mandan», mais mantén a conversa lúcida que sempre o caracterizou e unha análise obxectiva da realidade. O Ribeiro segue a ser a aposta familiar, mais a diversificación suma e hai anos que teñen presenza en Rías Baixas -o seu Veiga da Princesa foi escollido mellor viño da denominación de orixe hai un par de anos- e os esforzos céntranse agora de xeito especial en Monterrei.

Eva Méndez incide nunha realidade coa que teñen que loitar as adegas no día a día: «La competencia es muy fuerte y a veces se hace difícil llegar al consumidor. En nuestro caso, al tener presencia en tres denominaciones siempre sumas sinergias y eso ayuda», señala al tiempo que indica que exportan a toda Europa, USA, Xapón, México e Australia, entre outros países.

O seu irmán incide tamén nos cambios que se están a rexistrar no consumo e nos mercados. «Mudaron moito os costumes. Agora o viño xa non forma parte da dieta dos españois e está destinado máis a unha boa mesa: non tanto ao de saír a tomar un todos os días como a gozar dun bo viño e de apreciar os seus matices e a súa riqueza», sinala Manuel ao tempo que afirma que se fai preciso abrir novos mercados, mellorar os procesos de calidade e pechar o ciclo. O último explícase por unha tendencia que non ten volta atrás: «A xente escapa do rural e as adegas deben contar cada vez con máis viñedos propios porque os provedores van a menos». E sempre, pai e fillo coinciden, coa uva autóctona como referencia inescusable.

Do minifundismo á BRC

Logo de toda unha vida de viñas e adegas Manuel Méndez Paz ten unha análise moi definida. E nela sinala aspectos como que O Ribeiro está esmorecendo e ninguén se implica, con forza e medidas claras, para mudar a situación: «Fun vogal moitos anos no Consello Regulador do Ribeiro. Daquela colleitábanse 28 ou 29 millóns de quilos, agora creo que estamos en 8 millóns. E todos tan tranquilos! O minifundismo segue condenando ao Ribeiro e xa nin xente hai para traballar nas viñas». Monterrei, a onde chegaron para engadir un tinto á súa carta de viños, é un espazo cun gran futuro por diante e unha orografía que axuda. «Mercamos varias fincas para ampliar o que xa tiñamos e agora estamos plantando. E xa o fas doutro xeito porque o futuro é a máquina», sinala o pai ao referirse á mecanización dos traballos e a vendima.

Manuel Méndez Paz móvese perfectamente en terreos ben distintos: o mesmo sinala os moitos e esixentes requisitos que marca a certificación de calidade BRC -«fundamental para posicionarte no mercado internacional»- que tira da tradición para exemplarizar a mensaxe: «O viño bó non te fará rico, pero o malo pódete arruinar».

O pai. Os fillos. A adega.

QUeN SON

O pai. Manuel Méndez Paz ten 78 anos. Leva toda a vida vencellado á viticultura e mantén aínda algunhas viñas da familia. Non compensa o traballo que dan, mais lembra con satisfacción que todo empezou en Prado e que Toén segue a ser o seu espazo vital.

Os fillos. Eva e Manuel Méndez Gutiérrez, colleita de 1973 e 1974 respectivamente, recordan a relación coa adega «de toda a vida» e foron os que animaron ao seu pai a crear o proxecto de Pazo do Mar en Feá (Toén).

A adega. Logo de iniciativas para esquecer -Ana Lamas, Senata...- Manuel Méndez mercou as instalacións para crear unha nova proposta. Co tempo sumaron parcelas na zona, entre elas a icónica Torre da OIiveira (Puga), e crearon adegas con viñedos propios en Rías Baixas -Veiga Princesa- e Monterrei -Pazo das Tapias-. O grupo é unha empresa familiar.

 

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ourense

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

«Quedei un tempo para axudar na adega e xa non houbo volta atrás»