Miguel Anxo Seixas presenta o primeiro volume sobre Castelao

La Voz

OURENSE

XOAN A. SOLER

O vicepresidente da fundación que leva o nome do rianxeiro está no Liceo con Manuel Outeiriño

18 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe • 20.00 horas • Liceo de Ourense • Miguel Anxo Seixas Seoane (Arzúa, 1960) é historiador e vicepresidente da Fundación Castelao. Sobre a figura ten escritas varias obras, ademais de ser autor de traballos sobre o Camiño de Santiago, Ánxel Casal, Rosalía de Castro e ten participado en obras colectivas sobre Celso Emilio Ferreiro ou Camilo Díaz Baliño, entre outros proxectos. Na súa faceta de comisario ten organizado varias exposicións na Cidade da Cultura de Galicia, entre elas a adicada á moda galega. A súa tese sobre Castelao ten 1.700 páxinas e na mesma marcouse como obxectivo amosar as diferentes facetas do intelectual galego.

Coa editorial Galaxia publicou hai uns meses «Castelao. Construtor da nación. Tomo I», primeira entrega dun proxecto -composto por tres volumes- sobre a figura do político e artista. A obra céntrase no «meniño rianxeiro, o rapaz emigrante e retornado o debuxante e o pintor autodidacta, o médico entregado, o ilustrador que se vale dos debuxos de humor para concienciar os galegos, o funcionario, o profesor de debuxo, o membro das Irmandades da Fala, o escritor e artista», sinalan dende Galaxia. O traballo que se presenta no Liceo está concibido polo seu autor como «o primeiro volume dunha biografía monumental, case como un diario da vida cotiá de Castelao cos fitos da súa cronoloxía persoal e pública xunto a actualidade da época».

No acto desta tarde Miguel Anxo Seixas Seoane estará acompañado polo profesor Manuel Outeiriño.