Chita: o carnaval do vinte, vinte...

Edelmiro Mateo García TRIBUNA ABERTA

OURENSE

O de Verín non é para a televisión, non é para os de fóra, que é para os de dentro, é para os gladiadores do humor

17 feb 2020 . Actualizado a las 14:05 h.

Lonxe de tódolos carnavais que se celebran, hainos para ver, para participar, para darlle imaxes ás televisións, para vender fume, para entreter aos miróns... pero tamén os hai para vivilos, sentilos, meterse neles e padecer unha humilde e grata satisfacción. Incluso para necesitalos como unha menciña e curar unha dor profunda. Pois ben, unha das características máis notables do entroido de Verín é participar e facer participar. Meterse de cheo na festa e implicar aos que están arredor para que sintan o mesmo que un. O de Verín non é para a televisión, non é para os de fóra, que é para os de dentro, é para os gladiadores do humor, os críticos da vida sinxela, os creadores dos trasnos, os ideólogos das chirigotadas, os enxeñeiros das alevosías, os chivatos das beneficiosas ofertas políticas, os artífices do pitorreo, os destapadores da vida oculta dos señoritos, os titiriteiros da convivencia, as alacenas do bo comer e do beber, o goce da festa por pouco diñeiro se hai imaxinación, os vividores das xoldras que outros non saben disfrutar... Cheguei ao principio, onde quería chegar. Quero falar de Miguel, Sotelo para o deporte, padriño para a miña sobriña, frei Chitín para o cine, o Chita para as comedias, o compadre para meu irmán, un dos herdeiros do Buenos Aires e gardador de tódalas reliquias que alí aconteceron, e pregoeiro deste carnaval. Para min é Miguel ao que sempre lle collo o teléfono independentemente da hora a que me chame.

É un grande acerto que o pregón deste ano se lle encomendara a el, porque de seguro que será algo diferente. De casta le viene al galgo. De seguro que a ninguén deixará coa incerteza do baleiro. Ninguén sairá sen saber que dicir, porque a sorpresa é para todos, tamén para min. Anímovos a ir a praza o domingo de corredoiro e deixádevos levar polas súas palabras. Viaxade libremente ó son da súa sintonía porque «a gracia do Chita, non se imita...».

Miguel é deses cidadáns que é festa, fai festa e métese nela con tódolos que están ó seu redor. Dende fai dez anos celébrase en Ábedes o luns de entroido na bodega do Chita. Un escenario festivo, amigable, onde conviven a gastronomía coas artes escénicas, o humor co talento, a improvisación coas novas tecnoloxías, a música cos monólogos, a saúde coa alegría de conxugar carnaval con cidadanía. Tódolos que por alí pasamos repetimos, ano tras ano, nas seguintes edicións, porque son únicas e irrepetibles.

Para que todo isto se poida levar adiante é necesaria a persoa de Miguel, que abandeira coa creatividade unha maneira de facer e vivir a festa que contaxia aos que son da súa condición. Incluso os máis remolóns para soltar un sorriso xeneroso préstanse voluntarios para colaborar no mellor carnaval de Galicia; e non son eu o xuíz, isto é segundo a información de última hora dada polo Gadis. Os que estamos ao seu lado e temos a sorte de vivir con el as súas monecadas, vivimos todo o ano un auténtico carnaval, porque a chispa cotiá de Miguel fai un fogar alegre cada día onde está.

Estamos en carnaval, xa é carnaval, por iso ten xente que gasta e consume, por iso veu o Gadis e descubriu que de toda Galicia o meirande entroido, o que suliveia aos que o fan e aos que veñen, é o de Verín. Grazas Gadis, grazas Miguel, grazas carnaval e grazas a tódolos veciños que profesan a mesma crenza que nós.