«Cumpre coa dobre perspectiva do teatro: entreter mentres é espello da sociedade»

María Doallo Freire
María Doallo OURENSE

OURENSE

ANA GARCIA

Xulio Lago continúa a súa carreira coma director con «Dúas donas que bailan», que estará o sábado no Principal

15 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O dramaturgo Xulio Lago ponse ao fronte dunha nova obra teatral da compañía Teatro do Atlántico. Nesta ocasión trátase da adaptación dun texto de Josep Maria Benet I Jornet. Despois dun ano de xira por distintos escenarios de Galicia «Dúas donas que bailan» chega a Ourense, ao Teatro Principal, hoxe pola tarde, ás oito.

Xulio Gil

-Cómo describiría «Dúas donas que bailan»?

-É a historia de dúas mulleres de distintas xeracións e con distinta formación, que coinciden por circunstancias da vida nun mesmo lugar e nun mesmo momento. Teñen moi mala relación, son as dúas moi rabudas, pero acaban por desenvolver unha amizade profunda en función de compartir dor, tristeza, fracasos e soños. Ademais a peza transita por cousas que teñen que ver coa nosa cotidianidade, dende os desafiuzamentos ata a vellez, e que acontece cando chegas a un punto crítico nas relacións familiares ou sociais.

-Un drama?

-Para nada. É unha peza traxicómica, divertidísima e amarga ao mesmo tempo. Nela vese un traballo de interpretación extraordinario por parte das actrices María Barcala e María Ángeles Iglesias. Tamén destacará a escenografía que é de Antonio Francisco Simón. A verdade é que a relación co público é espléndida e é un gozo abordala cada vez. Cremos que esta función cumpre coa dobre perspectiva do teatro: entreter e divertir mentres se converte nun espello da sociedade.

-Fálenos da súa dirección.

-Os procesos de dirección dun espectáculo teñen a virtude, e a dificultade, de ser sempre unha experiencia distinta á anterior. Eu levo máis de 40 obras dirixidas, e todo iso serviume para darme conta de que non sei nada. Que cada proceso de creación é un descubrimento que te van ofrecendo as actrices, o creador musical... así transitas por unha paisaxe descoñecida totalmente. É moi gozoso porque se converte nun descubrimento permanente. Despois de barallar mil posibilidades, imaxes, papeis... chegas ao final e probablemente o resultado difire bastante sobre o que imaxinaches cando colliches o texto por primeira vez, e esa propia diferenza é unha grandísima satisfacción.

-Xa está traballando en algún novo proxecto?

-Aínda que seguimos xirando con esta obra e estaremos o 7 de marzo en Verín, entre outras datas, actualmente atopámonos cos ensaios dun novo traballo teatral: «A conquista da escola de Madhubai». Estrearemos o día 28 en Narón. Conta unha historia fascinante que ten orixe nun feito real acontecido na India a finais dos anos noventa. Fala sobre unha muller, unha bandida, chamada A raíña dos bandidos. Esta muller sufriu unha violación masiva nunha aldea da India e rematou por irse ao monte, meterse nunha banda e matar a todos eses homes. Tras isto entrégase á xustiza, cumpre 15 anos en prisión, e ao final entra no Parlamento hindú por dúas lexislaturas. É moi interesante e moi liberadora porque esta muller consegue superar a dor e volver a amar, mentres loita polos humildes.