Cultura retomará o proxecto para crear o Museo da Xunta en Ourense

La Voz OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Santi M. Amil

O conselleiro di que hai vontade para retomar unha proposta que nunca se iniciou

12 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Coa Biblioteca Xeración Nós funcionando e o corpo central de San Francisco xa rematado, e agardando que o Arquivo Histórico Provincial de Ourense poda estar en servizo alí no verán, o proxecto que falta para rematar a remodelación do conxunto é o futuro Museo da Xunta. A proposta para crear o espazo cultural autonómico na cidade -a única de Galicia que carece del- pasa por remodelar o antigo albergue de peregrinos e o edificio que acolle a Escola de Escultura do Arqueolóxico.

En setembro do 2016 o presidente da Xunta e o conselleiro de Cultura, Núñez Feijoo e Román Rodríguez, asinaron o convenio co alcalde de Ourense, daquela Jesús Vázquez, para acometer a obra. O investimento previsto era de 1,6 millóns de euros e as obras nunca chegaron a comezar.

 

Sen tramitar no Concello

Cos prazos xa vencidos e sen asumir os trámites correspondentes o Concello nunca chegou a tramitar o proxecto, paso previo para que a Xunta puidese chegar a licitar as obras.

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, recoñecía este martes que se fai necesaria unha reformulación. «Hai que reprantexalo proxecto. Por cuestións diversas que non podo evaluar non se chegaron a acometer as obras pero hai que reconverter a proposta. O compromiso mantense e logo da actuación espectacular realizada na Biblioteca e no Arquivo é obrigado actuar nesa zona para completar a gran acrópole cultural de Ourense».

Xacobeo Cidades

Concello e Consellería de Cultura mantiveron unha xuntanza para empezar a perfilar as actividades a desenvolver entre maio e outubro en Ourense. As propostas enmarcaranse no programa Xacobeo Cidades, que contempla accións nas sete principais cidades de Galicia, e aínda que se anunciou un gran concerto as propostas están por definir. Cultura quere implicar ao sector privado e en función da resposta artellarase a oferta