O Carballiño quere un entroido «de interese turístico galego»

O Concello anuncia que solicitará o recoñecemento da festa


ourense / la voz

A vila do Carballiño leva anos traballando para potenciar a súa festa do entroido, unha cita que dende hai un tempo viu incrementada a súa duración, oferta e ciclo anual ao pasar para o Domingo de Piñata a Festa da Cachucha —cita que o pasado ano celebrou o seu cuarto de século—. E o reto agora pasa por conseguir a declaración de «Festa de interese turístico de Galicia» para a mesma. Así o anunciaron este luns os concelleiros de Cultura e Turismo, Manuel Dacal e Diego Fernández respectivamente, no acto de presentación do entroido deste ano.

A aposta do Concello carballiñés pasa por potenciar a animación de rúa —este ano entre as propostas estará unha batucada— e os desfiles —haberá tres—, ademais das convocatorias que se fan en colaboración cos hostaleiros do pobo —como a exitosa Ruta dos Mil—.

Do 18 de febreiro ao 1 de marzo

A animación contará coa presenza de tres orquestras —Gran Parada, La Oca Band e D´Moda— e seis charangas —Castro Bello, Doctor Anchoa, Ardores, CLK, Noroeste e Asociación Cultural Cobre—. A elas sumarase a batucada Percucar e o grupo folk tradicional Feitizo de Pau e as formacións serán as que participarán nos actos que se desenvolverán entre o 18 de febreiro e o 1 de marzo.

O programa do entroido carballiñés inclúe tres concursos de disfraces, peñas e comparsas. O sábado, día 22, haberá festa-concurso infantil; o 26 (luns) celebrarase o gran concurso de peñas A Ruta dos Mil —que repartirá 1.500 euros en premios—; o día 25 celebrarase o concurso de comparsas do Martes de Entroido e coincidindo coa Festa da Cachucha —1 de marzo— haberá dous desfiles, un de mañá e outro de tarde. A cita gastronómica do entroido do Carballiño chegará este ano con máis participación que nunca. A Festa da Cachucha será o Domingo de Piñata e ofrecerán o menú da mesma un total de 26 establecementos.

 

Trinta locais para a Cachucha

En realidade son trinta os participantes, aínda que catro deles xa pecharon as reservas para ese día. Ademais das comparsas gañadoras do concurso do martes haberá presenza de grupos tradicionais do entroido do oriente ourensán: Arrieiros de Petín, Folión de Fradelo e o Folión de Tameirón. Dacal e Fernández coincidiron en sinalar o incremento que experimentou a festa nos últimos anos.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ourense

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

O Carballiño quere un entroido «de interese turístico galego»