¿U-lo turista?


ARibeira Sacra é o reclamo turístico da provincia, só superado pola capital. As cidades sempre son máis coñecidas, teñen nome. E Ribeira Sacra conseguiu facerse un. A xente non visita Parada de Sil ou Castro Caldelas -que si, na práctica-, senón que visita Ribeira Sacra. Ao estilo de Sicilia, conseguiu ser un reclamo para que a xente veña a un territorio común, non a un concreto. Xa despois en que recuncho quede a durmir ou pare a xantar, depende de cada un. Ribeira Sacra é o exemplo que deberían mirar desde o resto da provincia para tratar de lanzar unhas cifras de turistas que, sen dúbida, teñen moita marxe de mellora. Non é a panacea, e teñen as súas leas, pero o que está claro é que funciona. Hai quen, desde dentro, pensa que podería funcionar moito mellor (e eu non o poño en dúbida), pero aínda cos seus erros, está claro que funciona moito mellor que o resto. E aí debería mirar, sen dúbida, Valdeorras, que de turistas anda máis ben escaso. Doce anos levo eu aquí e doce anos levan tratando de impulsar o turismo de maneira común. ¡Doce! Varios anos pasaron intentando poñerse de acordo sobre un consorcio de turismo que cando acabaron de crear, houbo que matar. E despois entraron nun xeodestino no que só chegaron a acordo para poñerlle o nome (e iso despois de moito reñer). Trevinca-Manzaneda co apelido de Valdeorras-Trives, para que estivesen todos contentos. E ata aí. E xa nin iso. Agora outra volta. E mentres cada un parece mirar cara un punto distinto e só ver o seu embigo, no oriente ourensán hai hostaleiros que din ¿U-lo turista? Está claro que aquí non. A ver se para algún camiño da Ribeira Sacra.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ourense

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

¿U-lo turista?