O Liceo acollerá a mostra «Boix, fotógrafo de Mauthausen» e unha charla sobre ourensáns en campos de concentración

La Voz

OURENSE

ALBERTO LÓPEZ

A exposición estará aberta ao público entre o 1 e o 29 de febreiro

21 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Días 1, 7 e 14 de febreiro (Mostra do 1 ao 29) • Diferentes horarios • Liceo de Ourense • A Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH), o colectivo Amigos da República e o Liceo de Ourense organizarán durante o mes de febreiro varias xornadas de debate e encontros arredor dos ourensáns que estiveron nos campos de concentración. Paralelamente, e vencellada co programa de actividades, poderase ver no Liceo a exposición «Boix, fotógrafo de Mauthausen». Co seu traballo o fotógrafo catalán, preso en Mauthausen, axudou a documentar coas súas fotografías o horror sufrido nos campos nazis, o que foi de grande utilidade como proba no xuízo de Núremberg. A mostra fotográfica estará acompañada da proxección do vídeo documental «Boix, fotógrafo do inferno».

 

O día 1 abrirase a mostra ás 12.00 horas, participando no acto representantes da ARMH, Amigos da República e familiares de deportados. Haberá tamén unha actuación musical. Media hora despois procederase á «presentación polos familiares dos casos de vítimas ourensáns da deportación en campos de concentración nazis que serán aportados como denuncias á Querela arxentina».

O programa terá continuidade o día 7 de febreiro. Ese día o equipo de investigadores da ARMH en Ourense impartirá a conferencia titulada «Os ourensáns nos campos de exterminio». O día 14 haberá proxección e coloquio. Ás 20.00 horas pasarase o documental «Mauthausen, regreso ao campo da morte». No encontro participarán o realizador Torrentes Ballester e Eladio Anxo Fernández Manso.