«Queriamos que Galicia fose a protagonista absoluta»

María Doallo Freire
maría doallo OURENSE

OURENSE

MIGUEL VILLAR

A adaptación teatral de «Fariña», que dirixe Tito Asorey, chega ao Auditorio Municipal de Ourense os próximos 17 e 18 de xaneiro

14 ene 2020 . Actualizado a las 17:51 h.

A historia de Sito Miñanco e xunto a el a do narcotráfico galego. Sobre isto versa «Fariña», de Nacho Carretero, un libro do que ata chegou a prohibirse a súa comercialización. Despois veu a súa adaptación ao audiovisual, cunha serie que finalmente comprou Netflix e que chegou a miles e miles de fogares no mundo. Agora é a quenda para ver esta historia contada sobre as táboas dun teatro. Así xurde a «Fariña» que dirixe o ourensán Tito Asorey e que estará en Ourense, no Auditorio Municipal, os próximos 17 e 18 de xaneiro.

-Como xurde «Fariña» para teatro?

-Trátase dunha dramaturxia de José Prieto. El fixo unha adaptación do libro de Nacho Carretero incrible, a verdade. Baseámonos directamente na obra literaria.

-Que imos atopar nesta obra?

-É un novo achegamento á historia do narcotráfico galego impulsando todo o que ten que ver co teatro, co propio formato. Na serie de televisión contouse a historia dos narcos en profundidade, por iso nós quixemos cambiar o foco. Nesta ocasión centrámonos nas consecuencias que ten o narcotráfico e a droga na sociedade e na propia responsabilidade social que hai detrás.

-Cun elenco moi versátil...

-Si. Son María Vázquez, Xosé Antonio Touriñán, Marcos Pereiro, Cris Iglesias e Sergio Zearreta. Entre os cinco métense na pel de moitísimos personaxes. Van asumindo e interpretando distintos papeis ao largo da función. É un xogo que ao público lle está resultando moi grato e entretido. Non hai que esquecer que «Fariña» é unha adaptación dun texto e duns feitos coñecidos pola maioría, de aí que na súa versión teatral apostemos por xogar do espectador e co que xa se sabe da obra de antemán. Asumimos que o noso público coñece medianamente aos personaxes. Todos sabemos quen é Oubiña ou Sito Miñanco e de aí parte o xogo, ás veces nin sequera é necesario dicir a quen interpreta cada actor. Estamos a falar dunha historia real pero cun enfoque satírico e cómico, cun final inevitablemente tráxico.

-Cambian un pouco o enfoque da historia.

-Desde o principio tiñamos claro que un dos nosos obxectivos ía ser conseguir que a xente desfrutase e iso é o que pretendemos co enfoque da obra. Aínda que tamén é certo, evidentemente, que sería un fracaso se non houbese unha profunda reflexión en «Fariña» sobre Galicia, sobre esta historia que tamén é da nosa sociedade e sobre as consecuencias da mesma. O goce vén moitas veces dado pola capacidade de vernos reflectidos nun espello, a veces defórmanos como dicía Valle Inclán co esperpento, pero outras é relevante para que poidamos reflexionar.

-Como foi para vostede pórse ao mando dunha historia precisamente tan coñecida por todos xa?

-Sobre todo é gratificante. Cando me chamou Touriñán -produtor da obra xunto a Nacho Carretero- foi unha sorpresa enorme. Dende o primeiro momento souben que teriamos que traballar moito para conseguir o que queriamos sacar adiante. Foi un proceso longo, máis dun ano de produción, onde a maior dificultade supúxoa atopar o enfoque. Queriamos que Galicia fose protagonista absoluta e dar un punto de vista distinto ao da serie, que neste caso a forma de contar fose nova e diferente. Queriamos facelo ademais aproveitando todos os recursos que posibilita o teatro, porque esta «Fariña» que nós contamos só se pode transmitir de forma teatral. Explotamos a teatralidade e inda por riba mesturamos todo con música en directo. É un espectáculo moi variado e raro, no que se propoñen un montón de puntos de vista.

-O 1 de febreiro terminará a xira e esa última actuación será en Cangas. Haberá máis bolos tras este?

-Por suposto. Actualmente temos todas as portas abertas e a nosa pretensión é continuar tanto facendo máis xiras por Galicia, como sacando a obra por distintos puntos de España.