Ficción escrita

Marcos Guimarey ARGUMENTARIO

OURENSE

12 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Estamos agora na xaneira, e á lúa bérranlle os gatos. Tamén pode ser tempo de contos ao redor da cociña económica e do viño, aínda non se desfixo o fumeiro e na tixola ben chirlan dous chourizos frescos. Remexes no que pasou, e ti, un pícaro inocente, tiveches unha Epifanía, unha revelación, un querer ser de maior, un sentido á vida, queres ser un rei, un rei mago de traballar un día. Cara iso vas orientando todos os pasiños, pero non o dis na casa, non vaia ser que voe a zapatilla dende o fondo do corredor. Preguntas pola formación para rei, e fálanche uns de leis, outros de carreira militar e outros de sangue azul; acortas o camiño e preguntas pola oposición a Rei Mago, e dinche que esas prazas danas no concello a golpe de dedo. Deseñas o teu camiño cara o sendeiro máis curto para o obxectivo: rei é o que rei non ve. Mellor nos iría a todos cunha oposición a rei, e non ter que dar voltas e voltas, sufrir nun traballo que non queres por unhas horas con armiño. Vanitas vanitatum.

Noutra casa na mesma data, outra revelación, outra Epifanía, namorado estaba dunha rapaza de colexio de monxas. Nos libros, os bustos de mármore gregos e romanos, masculinos e proporcionados, e todos eles de políticos -porque atendían as polis-, irradian unha virilidade clásica. Nesta casa tamén o cativo asocia dous caracteres, sex-appeal e político, e comeza a trazar un plan para si. O camiño pasa por ir gañando relevancia política ate ir acumulando capital erótico; de aquí aló, en 30 anos, canto chegará a acumular. O seu plan vai saír ben, pena que da mármore non transpire o sentidiño.

Noutra casa, xa non no mesmo barrio, pero si no mesmo tempo, compártense os soños dos cativos e discútese dos pensamentos do sociólogo francés Pierre Bourdieu, quen falaba de capital económico, social e cultural, e da aportación a este pensamento de Catherine Hakim do capital erótico. Repásanse as teses de Edward Glaeser do crecemento das cidades en relación directa ao coñecemento. E fálase do equilibrio entre soños e realidade, do respecto e xenerosidade, dos momentos leves de felicidade e non dos plans retorcidos de uso individual.