Carlos Rego: «Magín Blanco atopou na música infantil o recoñecemento que lle faltou no rock»

María Cobas Vázquez
maría cobas O BARCO

OURENSE

Santi M. Amil

O ourensán vén de publicar un libro sobre os máis de trinta anos de carreira do músico valdeorrés

01 mar 2020 . Actualizado a las 17:08 h.

Primeiro foi fan e despois amigos que ata tocaron xuntos, así que cando Carlos Rego (Ourense, 1965) recibiu a encarga de escribir un libro sobre Magín Blanco non o dubidou. Iso si, primeiro consultouno co protagonista «e aínda que lle pareceu estraña a idea, díxome que colaboraría». Foi así como deron forma a «Magín Blanco. O camiño da luz», publicado por Editorial Embora.

-Era un encargo que levaba esperando toda a vida, porque sigo a carreira de Magín desde hai máis de trinta anos.

-¿Como foi ese paso de fan a amigo?

-Coñecino como músico tocando con Voyeur, no 85. Eu era un rapaz e impresionoume. Procurei seguirlle os pasos. Voyeur transformouse en La Rosa. Eu daquela tocaba en Cosecha Roja e empezamos a coincidir en concertos. Conectamos musical e persoalmente. Establecemos unha relación que chega a hoxe.

-¿Porque Magín o viu como unha idea rara?

-Como todos os artistas, Magín non ten moi boa opinión dos seus primeiros traballos. Estrañáballe que a súa vida merecera un libro, e a min parecíame todo o contrario. Agora ten un recoñecemento como autor infantil moi grande, pero a súa obra máis rock, para adultos, é unha obra esquecida. Apetecíame reivindicar esa obra que está esquecida e foi no seu momento ignorada.

-Soa máis a sacala á luz que a recuperala...

-Iso é, porque moitos dos que hoxe coñecen a Magín como autor para nenos nos últimos dez anos, non coñecen a súa historia anterior. É unha historia importante que apareceu nun momento non moi bo para o pop e rock galego e está agochada, non está recoñecida o que debería.

-¿Por que?

-Creo que pasou porque viñan de lonxe, viñan da Rúa, non estaban no ambiente central galego que se movía arredor de Vigo ou Santiago. A música de Magín era bonita, pero con letras escuras, desesperanzadas, amargas, melancólicas, e igual non é do gusto da maioría das persoas. Foi un grupo que sempre estivo na periferia da periferia, pelexando por darse a coñecer e nunca o conseguiu. Tivo moi boas críticas, pero non chegaba a moita xente.

-¿Se estivera La Rosa en Vigo, tería cambiado a súa historia?

-Iso non o podo dicir; pero terían máis facilidades para soar fóra de Galicia. Eles circunscribíronse moito no ámbito galego. Tamén tiñan os seus traballos, non puideron deixalos pola música...

-¿Como foi descubrir ese cambio á música infantil?

-Hai un cambio principal que foi cando comeza a acompañar a Camilo Franco, que quería que alguén tocara a guitarra na presentación do seu libro. Magín coñece así o mundo da literatura, e pensa que pode facer algo... E o primeiro que lle sae son contos para nenos. Despois coñece a Uxía, e empeza a entrar no mundo dos cantantes galegos en galego. Fai «A nena e o grilo», un libro de contos e cancións, e ten un éxito moi grande porque está moi ben feito. Atopa un mundo no que se encontra moi a gusto, un mundo máis amable, que ten que ver máis coa fantasía, menos coa escuridade. É un cambio que lle senta moi ben artística e persoalmente.

-¿Por que?

-Porque atopa un recoñecemento que lle faltou no rock. O seu segundo traballo, «A nena e o grilo nun barquiño», vende 6.000 exemplares, que é máis que todos os seus discos anteriores xuntos. Levaba anos facendo grandes cancións e grandes discos, e neste momento encóntrase recoñecida artística, persoal e comercialmente; e iso tira moito.

-¿Haberá volta ao rock?

-Eu creo que non. E el di que non. Creo que está moi a gusto no mundo no que está.

-Escribir de alguén cando un é fan e amigo, ¿é máis difícil?

-Non. Hai que deixar un pouco ao lado a relación persoal e mirar desde fóra; tes que tomar distancia e ver o que está ben o que che parece que non saíu tan ben.

-¿Para cando a presentación?

-Estamos pendentes de que Magín poida. Gustaríame que estivera, porque daría moito máis xogo. E podería dicir o que lle parece o libro.

-¿Non llo preguntou?

-A el gústalle, sobre todo a primeira parte e a última, o que menos é a parte de La Rosa, da que non ten moi bos recordos. O que máis gozou na vida é o que lle gusta.

-¿Por que ese mal recordo de La Rosa?

-Pola falta de recoñecemento. Creo que o leva dentro. Nunca quedou contento cos discos que gravou e quédalle esa especie de resentimento.