Abrir á sociedade os centros de ensino público de contido


Como federación de asociacións de nais e pais de centros públicos, sempre estivemos de acordo coa posibilidade de que os centros de ensino permanecesen abertos fóra do horario lectivo. FAPA Ourense considera que os edificios dos centros de ensino en Ourense están infrautilizados. Hoxe en día, tanto as ANPA como as infraestruturas educativas xogan un papel moi importante a nivel social, xerando servizos de conciliación familiar e laboral e servizos básicos para o desenvolvemento persoal. Nesta liña temos a acollida temperá e almorzos escolares, os comedores e a organización de actividades extraescolares; todos eles e outros moitos servizos que ofrecemos ás familias son fundamentais para que nais e pais poidan traballar, e tamén contribúen ao desenvolvemento persoal garantindo unha alimentación saudable e o desenvolvemento psicomotriz das crianzas en idade escolar.

A apertura dos centros de ensino máis alá do horario lectivo non é so unha reivindicación da ANPA e as súas federacións, é algo que as asociacións de veciños e outros colectivos, como asociacións deportivas, levan pedindo anos porque a súa apertura pode dirixirse a todos os públicos: infantil e xuvenil, adultos e xubilados.

Sabemos ben do que falamos e da situación e demandas que nos fan chegar todos os anos as familias que representamos. FAPA Ourense As Burgas vén de celebrar o ano pasado o seu corenta aniversario, e representa a máis de 95 ANPA de toda a provincia de Ourense. De Primaria e de Secundaria, pero tamén representamos ANPA de escolas municipais infantís, conservatorios, etcétera. Estamos na cidade, nas vilas e nos concellos rurais.

O que pedimos das administracións implicadas na xestión dos centros de ensino, concellos e Consellería de Educación, é que optimicen estes recursos públicos. Os centros poden chegar a ser verdadeiros centros cívicos dos nosos barrios, os centros sociais das nosas parroquias e municipios. Hoxe, esta infraestrutura está sen aproveitar e moitas veces a administración inviste en facer novos edificios, que xeran gastos e logo tamén fican pouco aproveitados, quedando sen uso polas tardes. Xunta de Galicia e concellos deben pensar nas familias e no deterioro actual da calidade dos servizos que ofrecen os centros de ensino públicos.

Ante a posibilidade de apertura fóra do horario lectivo, a administración debe garantir o persoal necesario, e tamén debe xestionar para encher de contido eses horarios. As actividades pódenas xestionar varias entidades, desde os propios concellos, as ANPA ou outro tipo de empresas e asociacións. O que si temos claro é a necesidade de garantir a súa gratuidade, ou polo menos tarifas axeitadas á capacidade das familias. Ao longo destes anos estase a producir un progresivo empobrecemento de moitos sectores da poboación: non aumentan os ingresos pero si soben os prezos e os impostos. Moitas familias están xa nunha situación límite e o copago agranda aínda máis a sensación de empobrecemento.

España está por debaixo do 5% de investimento en Educación que a ONU recomenda para garantir o desenvolvemento social e económico da poboación. España tamén é dos países que menos inviste en investigación e os servizos públicos nunca chegaron a alcanzar o estado de benestar que teñen outros países europeos do noso entorno. Investir na apertura dos centros educativos fóra do horario lectivo e encher ese horario de actividades lúdicas, educativas e deportivas, contribúe ao desenvolvemento de toda a sociedade. Hai que dotalos de orzamentos e contidos.

Xunta directiva da Federación de Asociacións de Nais e Pais de Centros Públicos (FAPA Ourense).

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ourense

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Abrir á sociedade os centros de ensino público de contido