Novo disco para a verinense Nova Era

Por Sindo Martínez VERÍN

OURENSE

Agostiño Iglesias

A banda de gaitas de Verín presenta o seu primer traballo discográfico: «Rumbo NE»

24 dic 2019 . Actualizado a las 19:36 h.

A banda de gaitas Nova Era ofrecerá o vindeiro 28 de decembro ás 18.30 horas, un concerto presentación do seu primeiro disco, Rumbo NE. A agrupación está a organizar unha gala que se celebrará no auditorio municipal de Verín, un evento no que colaboran a Asociación de Música Tradicional de Monterrei e o Concello de Verín. A agrupación fará unha viaxe musical na que conviven decenas de instrumentos, influencias e melodías. Unha gala coidada ao máis mínimo detalle na que contarán coa presenza de varios convidados de luxo que colaboraron na gravación do disco. Un dos directores da banda, Álvaro Rúa, expón: «É un proxecto no que levamos traballando case dous anos». Máis de 40 músicos subiranse ao escenario para fusionar música de raíz tradicional con ritmos e sons de todo o mundo. «O noso obxectivo é dar a coñecer o traballo destes anos e que quede para o recordo ese percorrido musical». «A banda ten unha traxectoria longa. Actuamos en distintos puntos de Galicia, en Portugal, na República Checa, en Francia... O disco ten doce temas que mesturan diversos estilos», insistiu o director. E engadiu: «En Rumbo NE hai unha disparidade de estilos musicais que parten do profundo respecto pola música tradicional galega buscando á vez explorar novos horizontes que leven á formación de unha nova dimensión musical cun estilo propio». Muiñeira galega, swing americano, ou salsa cubana. As entradas para o espectáculo terán un custo de tres euros e deberanse adquirir mediante reserva previa. A Banda de Gaitas Nova Era é o eixe fundamental da Asociación de Música Tradicional do municipio. Foi creada a finais do ano 2014 por un grupo de músicos do Val de Monterrei. A súa intención foi a de apostar por un proxecto a nivel local para o fomento e a divulgación da música galega. O conxunto caracterízase pola combinación de tres seccións ben diferenciadas: a sección de gaitas galegas afinadas en si bemol; a sección de percusión, que combina instrumentos da música tradicional, centroeuropea, latina e clásica; e a sección orquestral, formada por instrumentos de vento-metal, vento-madeira, corda e interpretación vocal.