De Nós a nós: cen anos da historia da Galiza

OURENSE

XOAN A. SOLER

16 dic 2019 . Actualizado a las 12:40 h.

En 1970, na cidade de Ourense, Eduardo Blanco Amor publica un opúsculo en que recolle un mollo de artigos dedicados á memoria de Castelao, no vixésimo cabodano do seu falecemento (Buenos Aires, 7 de Xaneiro de 1950). Un destes artigos estuda precisamente a relación do grande escritor, artista e patriota galego coa cidade de Ourense. E é que fora nesta cidade onde nacera, o 30 de Outubro de 1920, a revista Nós, da que sería director literario Vicente Risco e director artístico o mesmo Castelao.

O grande escritor ourensano, retornado definitivamente á Galiza en 1965, cinco anos despois aínda se consideraba «transeúnte», lamenta a amnesia, o esquecemento da personalidade galega con quen compartira, na capital do Plata, loitas, actividades e patriotismo galego e, nese ano 1970, disponse a conxurar esa desmemoria, esa amputación da nosa historia.

Eduardo Blanco Amor, que o coñeceu e tratou de perto, a pesar da lousa da censura, non cala a súa voz para, emocionado e memorioso, traer ao coñecemento das xentes galegas da altura (especialmente esperanzado na

mocidade) o nome e a obra de Castelao. Relembra a publicación da súa derradeira obra, as Cruces de pedra na Galiza; a estrea de Os vellos non deben de namorarse; a edición de Sempre en Galiza, de que di que, ao longo das súas páxinas, «espállase -e concrétase- unha crítica valente da relación Galiza-España, nun senso histórico e sociolóxico». Recorda, igualmente, a fundación do Consello de Galiza e o paso de Castelao nun dos gobernos republicanos no exilio, así como o inxente labor de

concienciación e unión galega na colectividade de emigrantes e en todas as súas sociedades e agrupacións. Advirte contra a beatificación sen coñecemento da súa persoa e obra, contra a glorificación que non for acompañada de leitura e contemplación daquela. Denuncia, con clareza e valentía envexábeis: «Qué máis quixeran os do ‘rexionalismo sano y bien entendido’ que reducir Castelao a inxel caricaturista ‘do chiste’, ou seña, a caricatura de sí mesmo...!».

Cincuenta anos despois, desde a Federación de Asociacións Culturais Galiza Cultura, no ronsel de emocionado recordo e recoñecemento da súa obra que Blanco Amor realizara, queremos render homenaxe á iniciativa

político-cultural daquela insigne xeración: Vicente Risco, Castelao, Otero Pedraio, Florentino Cuevillas, Ánxel Casal... Facémolo -contando coa inestimábel colaboración da Fundación Vicente Risco que tan digna e competentemente preside Luís Martínez-Risco- non por afán panteónico, senón pola mesma vontade que guiaba a Blanco Amor: a de coñecermos a nosa historia, sabedores de que é alimento imprescindíbel para a definición do noso presente e para o deseño do noso futuro. Hai cen anos, estes nosos antepasados sentaron as bases dun estatuto de normalidade para a lingua galega, a súa cultura, a súa ciencia, e, por suposto, os seus dereitos cívicos e políticos que continúan a ter hoxe todo o seu sentido.

A Exposición Nós, de onte a hoxe: cen anos de historia, no Museo do Pobo Galego de Compostela até fins de xaneiro, viaxará despois á Coruña e a Lugo e, desde logo, aspiramos a que poida ser vista, en Ourense e/ou

Allariz, cidade e vila estreitamente unidas ao fundador e colaboradores da revista, na intelixencia de que será unha viaxe ben produtiva a que nos conduza de Nós a nós, daquel pasado próximo ao noso presente.

Pilar García Negro é profesora da UDC e escritora.