O dramaturgo dirixe a obra «Casa O?Rei» que estará este sábado pola tarde no Teatro Principal
13 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.A gastronomía volve ser a protagonista dunha obra da compañía Ibuprofeno Teatro. Despois da boa acollida de «O Furancho» e de «Raclette», agora é a quenda para «Casa O’Rei», unha traxicomedia adaptada e dirixida por Santiago Cortegoso (Moaña, 1974) que poderá desfrutarse este sábado, ás oito da tarde, no Teatro Principal de Ourense.
-De que trata a obra?
-É un xogo dramatúrxico a partir do Rei Lear de Shakespeare. Tómase a situación inicial do texto. É un rei que tiña tres fillas que á hora de repartir a súa riqueza, porque está maior, decide dividila entre as tres a partes iguais pero ao final bota á pequena de casa por sela máis crítica. A partir de aí pasarán moitas cousas. Nesta función esa situación traspásase a unha casa de comida típica galega.
-Ten gran parte de humor...
-Ese é un dos grandes retos da obra. Ten moito humor popular, moi achegado á tradición galega, pero sen esquecer que tamén é unha traxedia á vez. Falamos dunha maneira tráxica de cousas cómicas, e dunha forma cómica de cousas tráxicas. É unha mestura de xéneros que en si mesma xa é o gran reto da función.
-Por que o eixo é a comida?
-Non o teño o claro, de pronto dinme de conta de que estaba escribindo moito sobre gastronomía. Supoño que é porque a comida e a relación que establecemos co que comemos forma parte da nosa cultura. Concretamente en Galicia iso ten moitísima importancia e forma parte da identidade do pobo galego: como nos relacionamos cos produtos da nosa terra e do noso mar. Foi unha etapa moi importante da compañía pero agora xa toca cambiar a temática.
-Como é dirixir «Casa O’Rei»?
-Apostamos por espectáculos máis grandes, cunha maior escenografía e elenco, pero a verdade é que saíu ben. É un pracer traballar con actores tan bos e con tanta experiencia como os que ten esta función.