«Este non é un libro de poesía, porque non son poeta, son cancións sen música»

x. m. r.

OURENSE

Santi M. Amil

O médico e letrista Armando González presenta este venres no Liceo de Ourense «Escolma imposible (e incorrecta)»

11 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Armando González (Vigo, 1955) compaxina dende hai anos o seu traballo como médico e docente coa tarefa de creador de letras para a cantante María do Ceo. A música é un espazo querido para el -compartiu escenarios no comezo dos anos 70 con xente como Antón Seoane (Milladoiro), Xerardo Moscoso, Suso Vaamonde, Benedicto e outros da etapa de Voces Ceibes- o mesmo que a poesía. Na faceta poética participou na xornada inaugural de Cata a Arte, compartindo sesión cos viños de Eladio Rodríguez (Arco da Vella). Agora presenta «Escolma imposible (e incorrecta)». A cita é no Liceo o día 13 (20.00 horas) e na mesma estará acompañado por Xavier Casares, Xosé Ramón Pousa -autor do limiar- e María do Ceo.

-Decidiu editar a súa poesía?

-Non é poesía, porque non son poeta. O que fago é poñerlle letra á música que levo dentro ou á que fan outros. Algunha poesía igual vai agochada en algures, mais non é unha obra de poesía senón que son cancións sen música. É un libro siamés.

-En que sentido?

-Ten dúas portadas. Unha delas está titulada «María do Ceo canta a Armando González» e aí figuran 38 cancións realizadas a partir de letras miñas. De feito a publicación inclúe dous cedés cos temas cantados por María do Ceo.

-Por que «Escolma imposible (e incorrecta)»?

-O título é unha chiscadela a Castelao, só que desta volta en lugar de ser unha escolma posible -como a do rianxeiro- é imposible. E tamén incorrecta porque xunta textos escritos dende o ano 1971 ata unhas semanas antes da publicación do libro.

-O obxectivo era facer unha escolma do escrito?

-Son materiais seleccionados das carpetas que vas xuntando cos anos e hai dende textos soltos a bloques temáticos. Por exemplo un cartafol que está dedicado ao Couto Mixto e ás persoas que forman parte da súa asociación. Outros textos están adicados a poetas ou autores que tiveron importancia na miña vida ou influenza en min -de León Felipe a Alberti, pasando por Ferrín ou Tovar- e tamén hai textos para amigos cos que compartes visións ou experiencias.

-As incorreccións de que lado veñen caendo?

-Son textos dos primeiros anos 70 e aínda que o galego era o que había -aínda non estaba normativizado- decides publicalos igual. Tamén outros que ao mellor agora ves como demasiado panfletarios, mais daquela tiñan a súa función e estaban xustificados.

-De que etapa son?

-Da época na que facíamos as actuacións no Calvario ou no famoso Festival do Sar. Eran os tempos de Xerardo Moscoso, Luis Emilio Batallán -eu pasei a censura do Maio-, Suso Vaamonde, Miro Casabella e outros.