O mestre Ben-Cho-Shey retornou ás terras de Santa Marta

x. m. r. OURENSE / LA VOZ

OURENSE

xmr

Paco López Barxas presentou o seu volume sobre o galeguista no colexio que leva o seu nome

04 dic 2019 . Actualizado a las 15:04 h.

Sabía o escritor Paco López Barxas que quería pechar o percorrido de presentacións da súa obra Ben-Cho-Shey inédito no colexio do Pereiro de Aguiar que mantén vivo o recordo do mestre galeguista e investigador. Era unha obriga lembrar ao amigo nese espazo. E xunto co editor, Xosé A. Perozo; o presidente da Deputación -organismo que apoiou o proxecto-, José Manuel Baltar; o alcalde, Luis Menor, e o director do centro, Antón Gómez, participou nun encontro cos alumnos do centro. O feito de ter sido Xosé Ramón e Fernández Oxea, Ben-Cho-Shey, mestre no Pereiro e autor dun estudo sobre a parroquia de Santa Marta de Moreiras -na que está o centro- ou un experto na linguaxe segreda dos afiadores foron referencias ás que aludiron os participantes na presentación. Os alumnos demostraron que terman do seu, e a resposta foi unánime cando lles preguntaron se sabían o que era a fala oculta. López Barxas elevou a aposta -«E alguén sabe como se di leite en barallete?»- e unha cativa respostou axiña -«agustín!»- entre a admiración dos seus compañeiros.

Xornada para a lembranza e para novos proxectos: o alcalde anunciou a creación do Parque Ben-Cho-Shey no entorno do colexio, onde xa se fixo unha prantación hai pouco, e o editor Xosé A. Perozo lanzou un reto que se converteu en compromiso: nun ano López Barxas presentará no mesmo lugar unha biografía do mestre galeguista para rapaces. Baltar, que lembrou as súas orixes en Esgos e que salientou o feito de atoparse con rapaces do seu Concello, recordoulles aos alumnos que axiña terán «o mellor parque acuático do noroeste» no complexo de Monterrei.