Lembranzas de catro décadas de ofrendas florais para Blanco Amor

La Voz OURENSE / LA VOZ

OURENSE

xmr

O profesor Díaz Leyes recordou como naceu e se mantivo a homenaxe anual

03 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

No mesmo escenario no que en 1979 se xuntaban intelectuais, políticos, cidadáns e amigos de Eduardo Blanco Amor para despedirse do xornalista e escritor atopáronse, corenta anos despois, algúns dos que aquel día de decembro do 79 estiveron en San Francisco para darlle o derradeiro adeus ao autor de A Esmorga ou La catedral y el niño -entre outras obras-, os representantes institucionais, cidadáns e os alumnos do instituto que leva o seu nome. As persoas chamadas a manter viva a memoria de Blanco Amor e a ser os protagonistas da historia da cultura, a política e a literatura galega no futuro, como sinalou Luís González Tosar -director da Fundación que leva o nome do homenaxeado-.

Corenta anos despois do pasamento do escritor, na ofrenda anual tivo un protagonismo especial a memoria de EBA dende unha perspectiva diferente: a dos promotores da ofrenda anual e dos que pularon por manter viva a lembranza do escritor. José Luis Díaz Leyes, exdirector do IES Blanco Amor e profesor do centro, lembrou que se fixo amigo do intelectual grazas á súa veciña e compañeira de docencia María do Carmo Henríquez Salido.

O escritor ía xantar de cando en vez á casa da profesora e Díaz Leytes lembrou as tertulias daquel tempo, como o autor acudía a participar nas clases de Henriquez Salido ou a impartir galego de xeito altruísta. O profesor tamén lembrou como se tiveron que empregar a fondo -ata a dirección propuxo candidatos alternativos- para sacar adiante a proposta da profesora para darlle o nome de Blanco Amor ao instituto en 1980; e como dende a morte do escritor María do Carmo Henriquez Salido, primeiro, e logo o propio instituto mantiveron viva a ofrenda anual que dende hai anos se potenciou grazas á implicación do Pen Clube Galicia -da man de Tosar- e agora co respaldo da Deputación e a fundación.

No acto do cemiterio Luís González Tosar lembrou o compromiso cidadán e político do escritor -«foi un loitador pola autonomía de Galicia»- e o apoio das institucións, coa Deputación á cabeza, para reivindicar a súa figura e a súa obra. O director xeral de Políticas Culturais da Xunta, Anxo Lorenzo, incidiu no moito que se ten feito nos últimos dez anos a prol da recuperación e valoración do escritor e a súa obra -de feito destacado a creación da Fundación Eduardo Blanco Amor- e Rosendo Fernández incidiu na aposta do organismo para reivindicar ao autor.

En nome do Concello falou Manuel Álvarez (DO), quen incidiu no compromiso do escritor coa emigración e Rafael Villarino puxo ao autor como exemplo do implicación a prol da cidade.

Como cada ano, os alumnos do IES Blanco Amor participaron lendo os seus traballos diante do tumba do escritor.