Raúl Gómez Pato gaña a segunda edición do premio de poesía Florencio Delgado Gurriarán

La Voz O BARCO

OURENSE

MARCOS CREO

A gala de entrega será esta tarde no Teatro Lauro Olmo do Barco

16 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Profesor de Latín, poeta, tradutor, director da colección Vétera en Rinoceronte editoria. Esas son algunhas das facetas do ourensán afincado na provincia da Coruña Raúl Gómez Pato, que acaba de gañar a segunda edición do premio Florencio Delgado Gurriarán de poesía.

A súa composición, titulada Vinte, desolación, foi elixida polo xurado (integrado por Xulio Pérez Veiga, Pilar Pallarés, Francisco García Macías, Ramón Nicolás Rodríguez e Jorge Moral Vidal) como a mellor de entre as 235 presentadas ao premio, das que 31 foron desbotadas por non cumprir coas bases aprobadas polo Concello de Vilamartín de Valdeorras, entidade que o convocou. Gómez Pato recibirá 3.000 euros, ademais dunha porcentaxe dos libros publicados coa obra. Nesa publicación aparecerán tamén os tres textos finalistas. Son Das Kapital, de Rafa Vilar; Sen menosprezar aos caniches, de Beatriz Martínez-Sayanes de Saá; e Adolescencia en segunda persoa, de Roberto Rodríguez González.

A entrega do premio está prevista para esta tarde (ás 20.30 horas) no Teatro Lauro Olmo de O Barco de Valdeorras. A gala estará conducida por Xosé Barato, María Lado e Lucía Aldao. A entrada é de balde ata completar aforo.