Homenaxe a un dos xornalistas senlleiros da transición española

Alfonso Sobrado Palomares recolleu o Premio Ourensanía lembrando as súas orixes


ourense / la voz

Un emocionado Alfonso Sobrado Palomares (Paradela, Calvos de Randín, 1935) recolleu o Premio Ourensanía 2019 nun acto, o do Principal, onde as súas lembranzas da vida na raia e o percorrido por algúns dos episodios emblemáticos da súa carreira profesional compartiron o protagonismo coa reivindicación do legado da provincia, o compromiso coa emigración, as homenaxes futuras e a loas á Xeración Nós e ao centenario da publicación da revista, que se cumpre no 2020.

O xurado do Premio Ourensanía xuntouse en agosto no pazo natal de Antón Losada Diéguez e alí acordaron, por unanimidade, conceder o galardón deste ano ao xornalista e escritor ourensán.

Na súa intervención logo de recoller a escultura de Xosé Cid que simboliza a distinción e a certificación acreditativa do mesmo, Alfonso Sobrado Palomares tirou de recordos para reivindicar o seu compromiso con Ourense. Lembrou os seus anos de cativo no seu lugar de Paradela e o feito de que «eses recordos marcaron a miña vida estivera onde estivera» e que o territorio daqueles primeiros tempos estaba sementado de palabras «esa morea delas que vas apañando: noite, terra, area, nabiza...».

Naquela etapa de escuridade -non había luz no pobo- e fríos que se metían no corpo, o neno Sobrado comprobou que La Habana quedaba á beira de Paradela -«tan preto como ir a Vigo, coller un barco e xa está do outro lado»- e que nas noites andaba a estadea pola contorna. E unha das ánimas que penaba pola veiga, segundo se falaba nos fiadeiros, era a do bispo de Pernambuco, que disque penaba os pecados do namoro dunha rapaza de Calvos de Randín.

Referiuse a algunhas das experiencias vividas ao longo da súa ampla traxectoria como xornalista, dende presenciar o lanzamento do satélite Hispasat na Guyana Francesa na compaña do entón príncipe Felipe á incredulidade de Yasir Arafat cando lle contou, no palacio presidencial de Ramala, que en Ourense había unha fonte que botaba auga quente. Tamén rememorou como coñeceu a Ben Bella, logo de coarse nunha xuntanza do núcleo duro do poder en Arxelia pensando que era unha rolda de prensa, e as cavilacións do momento: «Agora como lle contou eu ao Julito Losada e aos da tertulia do Cortixo todo isto?». Adicou o premio á súa muller, a desaparecida Ana Tutor, aos seus fillos e á familia. O presidente da Deputación de Ourense, organismo que concede o Ourensanía, fixo un repaso pola recoñecida traxectoria de Alfonso Sobrado Palomares e os proxectos históricos que liderou -da revista Ciudadanos á modernización da Axencia Efe, que lle valeu á mesma o Príncipe de Asturias- e lembrou que «foi un dos máis brillantes xornalistas da transición española e traballou sempre en proxectos que estiveron ao servizo da cidadanía e da cerna do xornalismo. Dirixiu revistas que marcaron a axenda política deste país e é un militante da excelencia da palabra».

Feijoo definiu ao premiado como «fundador de convivencia» e salientou o feito de ter a «Ourense como capital do seu mapa sentimental, cuxo galeguismo é capaz de ensamblar as nosas identidades nun mosaico marabilloso». Reivindicou «o legado da Xeración Nós, que senta as bases do galeguismo cultural e político no que a exclusión non existe e os brazos están abertos. A xeración, que cumpre no 2020 o seu centenario, componse de homes e mulleres viaxados, instalados no europeísmo que entón era posible, conectados coas vangardas do pensamento, pero que sempre retornaban ao seu berce».

Das cancións de Lorena Lores ás homenaxes a Blanco Amor e Ramón Santamarina

O Premio Ourensanía botou a andar un 11 de novembro do ano 2011 -o 11 do 11 do 2011- e tomou como referencia fundacional o manifesto da mesma, creado por Luís González Tosar no ano 2005. Na primeira convocatoria recoñeceuse a figura de once ourensáns senlleiros e dende o 2012 faise entrega do galardón coincidindo coa celebración do San Martiño, patrono de Ourense. José Antonio Vázquez Taín foi o premiado nese ano -viña de resolverse o caso do roubo do Códice Calixtino- e logo foille concedido a José Rodríguez Carballo (2013), Victoria Prego (2014), Mariluz Barreiros Ramos (2015), José Sousa Gómez (2016), Miguel Ángel González (2017) e aos Centro do Partido do Carballiño en Bos Aires e Centro Ourensán de Montevideo (2018).

Na gala de entrega do Premio Ourensanía participaron, entre outros, o alcalde da cidade e o presidente do Parlamento de Galicia, Gonzalo Pérez Jácome e Miguel Santalices respectivamente, e contouse coa presenza da artista arxentina Lorena Lores, que interpretou un tema adicado a Ourense e outros dous compostos sobre poesías de Manuel Curros Enríquez e Luís González Tosar.

O presidente da Deputación referiuse a figuras senlleiras da provincia e lembrou que nos próximos días comezarán os actos de homenaxe en memoria de Eduardo Blanco Amor -ao cumprirse o 40 aniversario do seu pasamento-. Baltar Blanco tamén se referiu a que o xurado do Premio Ourensanía decidira adicar o 2020 á figura de Ramón Santamarina, emigrante ourensán que fundou na Arxentina a localidade Orense, e haberá actividades na súa memoria.

Pechou o seu discurso cunha referencia ao primeiro número da revista Nós e citou a Antón Losada Diéguez, Vicente Risco, Otero Pedrayo e Cuevillas.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ourense

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Homenaxe a un dos xornalistas senlleiros da transición española