«Fixen o que non atopaba: unha obra didáctica e amena sobre os castros»

OURENSE

MIGUEL VILLAR

O ilustrador Paco Boluda creou e autoeditou «Kallaikos», un libro divulgativo sobre a vida castrexa

09 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Paco Boluda (Ourense, 1961) botou anos nas campañas de escavacións nos castros da provincia para deixar constancia co seu traballo das pezas que se ían atopando. Santomé, Castromao ou San Cibrao de Las foron algúns dos espazos nos que estivo a traballar como debuxante. No día a día non atopaba unha obra que achegase a realidade dos castros ao público en xeral e daquela púxose ao traballo na súa condición de ilustrador. E así naceu «Kallaikos», unha publicación autoeditada polo seu autor.

El e Xavier Bobillo son os coordinadores do Espazo Zelta instalado na praza Bispo Cesáreo, dentro da programación dos magostos de Ourense

-Como nace o proxecto?

-É unha iniciativa para encher o baleiro que te atopas cando queres coñecer a realidade dos castros, a vida neles e a nosa historia.

-A que se refire?

-Cando desexas saber máis dos asentamentos castrexos ou daquela etapa non atopas publicacións de tipo divulgativo. É dicir, existe material científico, estudos arqueolóxicos e unha importante bibliografía a nivel histórico, pero botas de menos algo sinxelo e ameno. Con «Kallaikos» fixen o que non atopaba: unha obra didácicta e amena sobre os castros.

-Cal é o obxectivo do traballo?

-Cambiar a imaxe que temos daquela época e achegar esa realidade ao lector. Temos unha visión deses espazos, da xente que os habitaba e da vida nos mesmos como se fora algo que pasou hai milleiros de anos, na prehistoria, cando estamos a falar de 2.000 ou 2.100 anos. E chegounos unha imaxe que non garda relación coa realidade, como unha paisaxe en branco e negro, cando había unha situación diferente: cores nos tecidos, unha xoiería e uns traballos de gran calidade e unha realidade moito máis complexa. Hai moita desinformación.

-Por que se autoeditou?

-Para conseguir a calidade e as condicións que quería, o que non entraban nas previsións das editoriais. É un traballo artesanal, con moitas ilustracións a cor, reproducindo decoracións, motivos da vestimenta e outros elementos. É todo moi visual, con debuxos feitos a partir de pezas e elementos que están nos museos, e nunha edición moi coidada. E quería facelo a un prezo razoable e con elementos que sirvan para interactuar: leva un pasaporte para que vaias cubrindo os datos sobre os castros que vas visitando. E o libro vai metido na súa caixa.

-Satisfeito co resultado?

-Moito. Ten unha gran demanda, aínda que non hai unha distribuidora detrás, e a xente mándame imaxes co libro dende lugares de todo o mundo: Australia, Rio de Janeiro, Roma... vexo que colleron a miña obra con cariño.