«A nosa vocación é tocar temas universais, sen fronteiras»

Cándida Andaluz Corujo
cándida andaluz OURENSE / LA VOZ

OURENSE

cedida

A alaricana chega esta tarde ao Principal coa compañía Teatro en Vilo para pechar a edición do FITO

27 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Teatro En Vilo é unha compañía internacional de teatro afincada en Madrid, pero fundada en Londres en 2013. Unha de súas creadoras é a dramaturga alaricana Noemí Rodríguez. Teatro en Vilo é unha das poucas compañías internacionais, pola presenza de persoas de diferentes países, que acadou premios no estranxeiro e que acaba de obter El Ojo Crítico de teatro. Esta tarde (19.00 horas) estarán no Teatro Principal.

-Como naceu Teatro en Vilo?

-Todo comezou cando conseguín unha beca da fundación Barrié e fun estudar a Londres un postgrado de artes escénicas, alí coñecín a outra directora, a Andrea Jiménez. Vimos que tiñamos moitas cousas en común e tras terminar os estudios fundamos a compañía.

-Cando deciden trasladarse a Madrid?

-Fixémolo porque ao final no Reino Unido estábanse pondo as cousas complicadas para os que non eramos de alí e tamén apetecíanos traballar en España.

-Trátase dunha compañía internacional.

-Si. Primeiro porque viaxamos bastante por Europa e porque temos colaboradores de distintas procedencias. Esta é unha das características especiais.

-Como definiría a súa forma de facer teatro?

-A nosa maneira de traballar é moi especifica e un pouco diferente. Ven da corrente europea de traballo de creación. É dicir, nós non facemos un traballo a partir dun texto, senón que creamos a partir do que pasa na escena cos propios actores. A partir de aí elaboramos o texto e empezamos a montar o espectáculo. O que facemos ten que ver coas novas linguaxes escénicas, co teatro de creación. Un traballo moi pensado para o público que aspira a reflectir moi ben a sociedade contemporánea. Os temas son relevantes no momento actual. O humor é moi importante e a parte coreográfica e xestual tamén.

-Esta é a segunda vez que actúan en Ourense. A anterior, tamén no marco do FITO.

-Así é. A nosa primeira incursión en Ourense foi grazas ao FITO e agora estamos encantadas con regresar.

-Que poderá ver o público ourensán?

-É un espectáculo moi divertido. Creo que a xente vaise sentir moi reflectida nel. Pregúntaselle a tres mulleres de diferente procedencia que é o que queren para o seu futuro. Todas ten trinta anos, son da xeración Y ou milenial. Durante o espectáculo verase os intentos de elas para responder a esa pregunta dende a comedia con momentos emocionantes.

-Teñen varias obras en cartel, como o traballan?

- Realmente apórtache un pouco de diversidade, de cambio dunha rutina. Chegas con máis ganas ao espectáculo porque vés doutra cousa. Para nos é bo é moi interesante. O que traemos a Ourense é o noso segundo espectáculo e xa vamos polo quinto. Témolo movido por outras cidades e países e por gran arte da xeografía española. É un espectáculo con bastante recorrido e maduro, aínda así, moi fresco.

-É unha compañía nova, pero ten unha longa lista de premios.

-Recibimos premios sobre todo fóra de España. Tivemos en Inglaterra, Chipre, Portugal ou Italia. Aquí moito menos, aínda que o de El Ojo Crítico non o esperabamos, e estamos moi contentas, sobre todo de que no panorama teatral español se valore o tipo de teatro que facemos nós, que é un pouco diferente. En Cangas, por exemplo, recibimos un premio do público que nos fixo moita ilusión. E tivemos dúas candidaturas aos MAX.

-Actúan noutros países, ¿como fan para adaptar os textos?

-A realidade do que contamos é mi parecida, sobre todo nos países do sur de Europa. O que si facemos é levalos a outros idiomas. Nós temos a vocación de tocar temas que sexan universais, facer espectáculos para todo o mundo e que vaian mais aló das fronteiras ou de calquera cousa que sexa limitante para espectador que acuda ao teatro.

-E tamén teñen que versionar ao idioma correspondente.

-Efectivamente temos distintas versións deste mesmo espectáculo a novel de lingua. Facémolo en inglés, italiano, castelán en tamén, cando estamos en Galicia, facemos grandes partes en galego.