As brigadas, para fixar poboación

Raúl García FIRMA INVITADA

OURENSE

Santi M. Amil

28 oct 2019 . Actualizado a las 14:21 h.

Omesmo que o día 30 de setembro remata o ano hidrolóxico a finais de outubro remata a campaña de incendios forestais cada ano e toca facer balance e tamén valoracións das inversións co fin de mellorar o sistema.

Isto que parece obvio non semella interesante cando temos un ano con poucas hectáreas queimadas pero as decisións máis acertadas non se toman en quente senón froito dunha análise concienzuda. Pois ben, como dixen este ano temos poucas superficie queimada pero sabemos o custe do operativo contra incendios? Eu non, teño varias referencias nas publicacións dos orzamentos da xunta para este ano e tamén do dato que inclúen para os medios aéreos cousa que baixo o meu punto de vista merece unha reflexión que paso a facer:

Os avións anfibios, os de carga en terra e sobre todo os helicópteros levan unha grande parte do orzamento do operativo de extinción dos lumes en Galicia. Analizando os helicópteros, este sistema funciona moi ben, sobre todo para un primeiro ataque dun lume cando acaba de comezar e mediante un helicóptero con unha brigada que comeza a traballar preto do lume pode apagar o que podía converterse nun incendio grande. Tamén é moi eficaz para chegar a zonas moi inaccesibles por terra. Os avións teñen unha gran vantaxe tamén para traballar en zonas de difícil acceso.

Os contratos de medios aéreos realízanse por unha bolsa de horas de voo de xeito que si non se cumpren esas horas páganse igual e si se sobrepasa páganse a maiores de xeito que cando temos un verán sen incendios os custes son os mesmos.

Alguén sabe o que costa unha brigada helitransportada para traballar nos incendios cada ano? Pois dous millóns de euros para todo o ano ou uns 350.000 nos tres meses do verán. E cantos medios aéreos temos en Galicia? Pois 18 na época de alto risco de incendio como indica o PLADIGA 2019. Por certo, o contrato deste 2019 é por catro anos (2019,2020,2021 e 2022), non vaia ser que haxa cambios no goberno galego e alguén pense noutro modelo de actuación.

Pero eu quero que a xente se poña a pensar como estarían os nosos montes se en lugar de contratar os medios aéreos que temos na actualidade en Galicia optamos por brigadas de operarios forestais traballando todo o ano de xeito que traballan en labores de prevención como rozas e queimas controladas e en caso de incendio en labores de extinción. Con eses dous millóns de euros que costa unha única brigada helitransportada podemos ter 13 brigadas de cinco operarios traballando todo o ano.

Un total de catro brigadas de cinco operarios por distrito forestal con maior risco de incendio, tería as seguintes vantaxes: temos 30 persoas no monte todo o ano que o mesmo que fan labores de prevención tamén serven de vixilancia; temos 30 familias por distrito vivindo no rural que contribúen a fixar poboación; durante o inverno fan desbroces de pistas forestais e cortalumes que coñecen ben por si teñen que traballar nun lume saben como está a zona; todas estas persoas xeran economía local cos gastos que xeran en hostalería, talleres, repostos, comercio... non se van para grandes empresas de medios aéreos; non se xera unha economía do lume senón que estes traballadores teñen o seu soldo anual e estable de modo que nunca pode existir interese en que haxa incendios; as labores de desbroces durante o inverno (prevención) serven tamén para os gandeiros, cazadores, recolledores de cogomelos, de castañas, etcétera para poder desprazarse polos montes; xeramos traballo estable o longo de todo o ano non só no verán; ter as pistas e os cortalumes limpos serven para o traballo de todos os membros que forman parte da extinción de incendios: brigadistas, motobombas, vehículos todoterreo, e ademais axudan a crear zonas libres de vexetación de posible actuación nesa extinción; temos unha maior cantidade de xente vinculada a prevención e concienciación do negativo do lume para a sociedade.

Non estou falando de eliminar os medios aéreos senón de racionalizar o seu uso e pensar no que implicaría ter brigadas permanentes no monte con unha parte dese orzamento.

Raúl García é enxeñeiro de montes