«Lethes» reivindica a vitalidade da Limia no seu vinte aniversario

A número catorce da revista inclúe varios artigos sobre Antela


ourense / la voz

O Centro de Cultura Popular do Limia botaba a andar hai anos o proxecto de editar unha revista con estudos, colaboracións, artigos de opinión, investigacións e outros materiais referidos á comarca. Unha iniciativa que xa chegou aos seus vinte anos de vida e que vén de engadir un novo volume, o décimo cuarto, á súa colección da revista Lethes. A última entrega dos denominados Cadernos Culturais do Limia foi presentada no Liceo de Ourense polo presidente do colectivo, Manuel Seoane; o representante do Museo Etnográfico da Limia, Delfín Caseiro, e Alexander de los Ríos Conde, autor dun dos artigos.

Caseiro amosou o agradecemento do colectivo á Deputación de Ourense, por facerse cargo da edición da revista, e salientou o compromiso dos promotores e entidades implicadas no proxecto de Lethes de darlle continuidade ao mesmo «polo menos outros vinte anos máis».

De Chus Pato á seca da lagoa

O número catorce dos

Cadernos Culturais da Limia

inclúe dezaseis artigos e unha das temáticas que conta cunha maior presenza, dende diferentes aspectos e puntos de vista, é a desecación da lagoa de Antela, logo de cumprirse os sesenta anos de esta actuación que marcou para sempre a historia da comarca e dos veciños da Limia. Sobre este feito reflexiona a poeta Chus Pato nun texto titulado

Antela, onfalos e alef

que abre a revista.

Alexander de los Ríos -a quen Seoane e Caseiro sinalaron como un dos mozos da nova xeración que se está a incorporar a Lethes e ao Centro de Cultura Popular do Limia- tamén afonda sobre as propostas vencelladas co espazo natural no seu artigo

Un intento inédito de desaugar a lagoa de Antela no ano 1842

.

Entre os artigos da publicación hai propostas sobre a xeomorfoloxía e a paisaxe das terras de Antela, de Augusto Martí Pérez; o papel dos cregos da comarca durante a transición, de André Taboada; o proxecto musical de Carmen Penim, aportación de Xosé Manuel Cid; aproximacións ás figuras de Lino Tejada, Undina e a familia dos Ruca, asinados por Carlos Morais, Xosé Lois Gómez e Edelmiro Martínez respectivamente, ou semblanzas dos dous galardoados co premio Pedra Alta.

Cita en Vilar de Santos

O volume número 14 da revista

Lethes

presentarase o venres, día 25, ás 19.00 horas no salón de actos do Concello de Vilar de Santos. No acto estará a presidenta do Consello da Cultura Galega.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ourense

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«Lethes» reivindica a vitalidade da Limia no seu vinte aniversario