O gañador do premio de poesía FDG levará 3.000 euros

La Voz O BARCO / LA VOZ

OURENSE

O Concello de Vilamartín de Valdeorras vén de convocar a segunda edición do premio, que busca impulsar a candidatura do autor de Córgomo para conseguir un Día das Letras.

18 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O Concello de Vilamartín de Valdeorras vén de convocar a segunda edición do premio de poesía Florencio Delgado Gurriarán, que busca impulsar a candidatura do autor de Córgomo para conseguir un Día das Letras.

As obras deberán ser orixinais, estar escritas en galego e ter un mínimo de 15 versos e un máximo de 90. Cada autor poderá levar tres textos a concurso. O prazo está aberto ata o 8 de novembro. Haberá un único premio, dotado de 3.000 euros. Ademais, publicaranse 1.000 exemplares do poema gañador (o seu autor recibirá 50 copias) xunto cos finalistas.

O xurado estará integrado por Xulio Pérez, filólogo e estudoso da obra de Florencio Delgado; a filóloga Pilar Pallarés; o fundador de Edicións Positivas, Francisco Macías; o crítico literario Ramón Nicolás Rodríguez e Jorge Moral, gañador da primeira edición do premio.