O Inorde leva a romaría Raigame a Polonia

La Voz OURENSE

OURENSE

Santi M. Amil

Forma parte do programa Keep on, no que tamén están o proxecto Estacións e o parador de Santo Estevo

21 oct 2019 . Actualizado a las 15:01 h.

A romaría etnográfica Raigame de Vilanova dos Infantes (Celanova), o proxecto Estacións e o Parador de Santo Estevo, foron protagonistas esta semana na cidade polaca de Kielce, onde mantiveron unha nova reunión de traballo os colectivos participantes no programa “Keep On” que lidera o Inorde e no que participan ademais institucións e colectivos do norte de Portugal, Holanda, Italia, Croacia e Grecia, ademais da rexión polaca que nesta ocasión acolleu o encontro.

O programa non procura tanto o desenvolvemento de iniciativas de carácter cultural ou intervencións de carácter patrimonial, como o estudo e análise de proxectos e programas que xa están sendo desenvolvidos ou que foron desenvoltos no seu momento contando co apoio de programas europeos, co fin de sacar conclusións arredor deles pensando fundamentalmente na súa sostebilidade no tempo unha vez os recursos europeos deixan de actuar sobre eles, e elaborar finalmente un documento que axude a proxectos futuros a incidir naqueles aspectos que faciliten unha boa xestión dos mesmos e un meirande aproveitamento, polo tanto, dos recursos europeos no seu desenvolvemento.

A romaría etnográfica Raigame foi presentada coma un proxecto de recuperación etnográfica e de desenvolvemento urbanístico, social e económico deseñado a partir dunha tradición asentada nunha lenda como é a da aparición no seu momento da virxe do Cristal, e todo elo nunha pequena poboación rural que está vendo como a raíz da celebración anual da romaría todo o pobo no seu conxunto se está vendo revalorizado.

Neste sentido tamén foron propostos á consideración colectiva de todos os grupos participantes os outros dous proxectos desenvolvidos contando con axudas europeas xa finalizadas no seu momento e que agora desenvolven a súa actividade con recursos propios ou concesións administrativas, como son o Parador de Santo Estevo, no marco do proxecto actal da Ribeira Sacra como candidata a Patrimonio da Humanidade, así como as vellas estacións de tren rehabilitadas e postas en funcionamento tamén polo Inorde co amparo de proxectos europeos anteriores.