O FITO 2019 será unha edición «de resistencia» e transición

La Voz OURENSE / LA VOZ

OURENSE

MIGUEL VILLAR

O festival de teatro reducirá a súa duración e espectáculos

11 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O FITO non desaparecerá. O Festival Internacional de Teatro de Ourense 2019 celebrarase entre os días 23 e 27 de outubro, contará coa participación de seis compañías -de Madrid, Colombia, Andalucía e Galicia- e ofrecerá outros tantos espectáculos.

A programación do FITO 2019 foi presentada pola directora do certame escénico, Sabela Gago, a vicerreitora do Campus de Ourense, Esther de Blas, e a directora do Teatro Principal, Olga Mojón. O festival abrirase cunha obra que se ten convertido nun espectáculo recoñecido por crítica e público dende a súa posta en escena: A voz durmida.

Recorte do 68 % das axudas

A montaxe toma como punto de partida o texto de Dulce Chacón e incide na memoria histórica, tomando como base para iso a posguerra española e a un grupo de mulleres apresadas na madrileña prisión de Ventas. A compañía Euroescena representará a obra o día 23, ás 20.00 horas, no Teatro Principal.

A presenza internacional corre este ano da man do grupo L´Explose, de Colombia, a da súa montaxe La miel es más dulce que la sangre (Teatro Principal, día 24 ás 20.00 horas). A obra camiña polo universo lorquiano «para reunir ao autor e á súa obra nun mesmo plano de realidade».

 

O día 25 contarase con dúas montaxes. Os andaluces de Tresperté chegarán ao certame escénicos ourensán con Oopart -poderase ver o espectáculo polas rúas da cidade, a partir das 19.00 horas- e os galegos de ArtesaCía ofrecerán Chola a it girl -Universidade, ás 21.00 horas-. O FITO seleccionou dúas compañías galegas, unha de nova creación e outra de experiencia acreditada, e Voadora ofrecerá Hemos venido a darlo todo no Principal (día 26, ás 20.00 horas). Os madrileños de Proversus clausurarán o FITO 2019 co espectáculo Generación Why (día 27, a partir das 19.00 horas, no Principal.

Armando Ojea non acudiu

Sabela Gago lembrou que esta edición do certame faise cun orzamento moi limitado ao deixar o Concello de Ourense sin axuda ao festival -40.000 euros- e perderse a subvención de Agadic. O FITO 2018 tivo un orzamento de máis de 89.000 euros e este ano cóntase cun 68 % menos de diñeiro.

O vicepresidente da Deputación Armando Ojea (DO) non asistiu á presentación do certame, aínda que estaba anunciada a súa presenza. Ojea é concelleiro de Democracia Ourensana na cidade e foi precisamente o alcalde, Jácome, o que promoveu o recorte de axudas ao sector cultural.