Piden unha ampliación na dotación de axudas para os danos do lobo e do xabarín

La Voz OURENSE

OURENSE

Santi M. Amil

Unións Agrarias cre necesario reformar a actual Lei de Caza de Galicia

18 sep 2019 . Actualizado a las 13:32 h.

Unións Agrarias considera imprescindible que se amplíe a dotación do fondo de axudas para a prevención de danos do lobo e o xabarín. «Desde a publicación no mes de xaneiro desta Orde, tan só o 15% dos expedientes presentados foron valorados positivamente, mentres que para o resto se aplicou o silencio administrativo para encubrir a falta de orzamento para atender a demanda» sinalan. Coa actual disposición de fondos que suma un total de 300.000 euros, apunta o sndicato, «son moi poucas as explotacións que se poden beneficiar, xa que para a creación de infraestructuras de prevención como valados fixos, mallas electrificadas ou pastores eléctricos so se destinan 160.000 euros e unha granxa que precise dos tres elementos pode solicitar ata 2.900 euros, logo a resultantes de posibles beneficiario é ridícula».Uniòns Agrarias engade que o resto do investimento, 140.000 euros,vai destinado a adquisición de cans de traballo e garda, cun máximo subvencionable de 500 euros por animal. «Tampouco parece moi resolutivo dado o importantísimo o nivel de ataques e danos que se está a producir por toda Galicia", sinalan.

Unións Agrarias exise unha política «efectiva e ordenada» para loitar contra estas pragas e lembra que a propia Xunta recoñece que, no 2019, os avisos por danos do xabaril nos cultivos téñense mais que duplicado con respecto das comunicación rexistradas durante todo o 2018. Motivo polo cal Unións tamén insta ao goberno galego a implicarse facilitando ao máximo o desenvolvemento das accións de caza. UU. AA. quere trasladarlle á Xunta a gravidade da situación e a necesidade de introducir cambios no marco legal vixente que permitan a eficacia da caza como unha ferramenta de xestión do medio natural. Lembra que a tendencia clara dos últimos anos fala dun agravamento no nivel de danos producidos polo xabaril e lobo na agricultura e gandería, que xa superan os 15 millóns de euros. «O mesmo que acontece no que ten que ver cos accidentes de tráfico, con case tres atropelos de xabaríns ao día nas estradas galegas. Uns sinistros que tamén está a ter consecuencias sobre a seguridade persoal, con 4 persoas gravemente feridas polo xabarín en Galicia nos últimos meses».

Unións Agrarias ten iniciado tamén unha recollida de sinaturas relacionadas para levar ao Parlamento de Galicia unha Iniciativa Lexislativa Popular, que a organización agarda poida ser debatida na Cámara autonómica a partir do mes de outubro. O obxectivo, para o que tamén conta co apoio de tecores, asociación de caza e representantes da industria cárnica porcina, é conseguir unha reforma da Lei 13/2013 de Caza de Galicia, para que esta sexa a última campaña de produción onde agricultores e gandeiros «se vexan indefensos ante os danos crecentes do xabarín nas súas explotacións».