Feijoo, a débeda e os xitanos

Xosé M. Rodríguez ANACOS

OURENSE

13 sep 2019 . Actualizado a las 09:01 h.

Opresidente dos galegos era protagonista de varias frontes informativas na data da apertura do curso escolar. E con propostas ben diferentes. Na capital galega, centro do poder da comunidade, a nova era a débeda que Feijoo reclama ao Goberno central, anunciándose que o presidente galego disque lle prantexou a Sánchez por carta -que tenro!- resolver o asunto clave que marca as diferenzas entre Compostela e Madrid e acordar o pago dos 700 millóns de euros que o Estado nos debe aos galegos.

Noutra das novas -os compromisos do exercicio do poder son así e hai que cumprir- o presidente galego aparecía compartindo o inicio do curso cos cativos do colexio Terras de Maside. Como acontece nesta data sinalada do calendario anual, a da apertura do curso, todo son parabéns, promesas de investimentos e de modernización de recursos e instalacións e outras teimas son aspectos reiterados. E como non podía ser doutro xeito a presenza de autoridades, da conselleira ao alcalde ou a delegada da Xunta, vai no lote para a posta en escena desde momento sinalado.

Un grupo de pais de alumnos do Terras de Maside poderían seguir o camiño marcado polo presidente da Xunta para exercitarse no xénero epistolar. Así, os veciños do poboado xitano da Fontela non deberían desbotar a posibilidade de remitir unha carta a Feijoo -ou dúas: unha a Monte Pío e outra a San Caetano- lembrándolle a débeda que ten con eles dende hai anos e que invista o diñeiro comprometido para facer as vivendas para realoxalos.