«Debémonos á parte noroccidental da provincia e aquí está o noso universo»

María Doallo Freire
maría doallo OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Agostiño Iglesias

O historiador de Boborás leva ao fronte da asociación de investigación dende a súa creación, fai 25 anos

01 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O Centro de Estudos Chamoso Lamas carballiñés cumpre vinte e cinco anos e, da súa man, o historiador Xosé Lois Sobrado (Feás, Boborás, 1960) sopra as mesmas velas na presidencia do centro. Para celebralo en condicións os socios organizan dende a presentación da exposición 25 anos de facer cultural no Auditorio Manuel María, pasando pola do libro Cemiterios esquecidos: o fenómeno tumular na comarca do Carballiño; a organización de diversos roteiros culturais pola comarca e agora, de cara a final de ano, planean a publicación dun número extraordinario da súa revista, Argentarium

-Como foi a creación do centro de estudos?

-Ten dúas fases. Comezamos ao redor do ano 1988, cando un grupo de xente que nos dedicábamos ao tema da historia, decidimos crear algo que nos unira a todos e a través do cal puidésemos investigar sobre a comarca do Carballiño. A cousa foi collendo máis o menos certo cariz pero parouse debido á necesidade dalgúns dos que formaban parte da iniciativa de terse que ir a traballar fóra. Anos máis tarde, a finais do 1993, retomamos o traballo que derivou na constitución, en 1994, do que é hoxe o Centro de Estudos Chamoso Lamas

-Cal son as funcións do centro?

-Somos un órgano sen ánimo de lucro e nos adicamos á investigación de diversos campos do saber sobre a comarca do Carballiño e do Ribeiro. Dende arquitectura ata arte, historia, xeografía, termalismo, literatura... Entre todos os que formamos parte do centro, tratamos de coordinarnos para facer traballos que incidan no beneficio desta zona.

-Para levar a cabo estas investigacións contades con axuda externa?

-En canto a axudas oficiais temos moi pouquiñas, principalmente a do Concello de O Carballiño que destina en torno a 1.500 euros ao ano. Tódolos socios pagamos unha cota e tamén contamos cunha serie de socios colaboradores, que non participan activamente nas nosas investigacións pero si colaboran economicamente con nós.

-Como foi a evolución dos socios nestes 25 anos?

-Pois actualmente somos un total de vinte e cinco investigadores máis un montón de colaboradores. Só houbo un retroceso no momento da crise económica, que afectou tamén ao noso campo, pero sempre fomos a máis. Cos medios que temos a día de hoxe eu diría que é suficiente.

-Nalgún momento imaxinastes chegar a cumprir un cuarto de século?

-Eu se digo a verdade viña xa de outras experiencias culturais, por exemplo en Boborás, e tiña claro que si me metía nesto era para que durara. Daquela non creo que puidese precisar que íamos chegar ata hoxe, pero si que xa non era unha simple aventura de mozos para nós. Estamos moi contentos de todo o que vimos conseguindo. Somos unha entidade moi solvente e somos moi apreciados na comunidade investigadora. Temos unha sede social e incluso contamos cunha biblioteca moi importante con máis de 7.000 exemplares. Temos unha gran presenza non só na comarca, senón tamén na provincia e en Galicia, cun Premio Nacional de Meteoroloxía e compañeiros que publican a nivel internacional. Neste sentido chegamos moito máis arriba do que eu imaxinaba fai 25 anos, e estamos moi orgullosos do traballo realizado.

-Plantexádesvos a posibilidade de ampliar a vosa sede, por exemplo a Ourense?

-Non, nós debémonos exclusivamente á parte noroccidental da provincia e aquí está o noso universo. A nosa sede atópase na parroquia de Cabanelas que é un pobo precioso, do século XV-XVI, e non o cambiaríamos por ningún outro lugar.

-Cal diría que é o obxectivo do Chamoso Lamas?

-Sen dúbida, dar a coñecer tódolos valores que temos aquí, na nosa comarca. Primeiro ser conscientes de cales son e logo divulgalos e preservalos.