«Xustiza, verdade e reparación» para Bóveda

Miguel Ascón Belver
miguel ascón OURENSE

OURENSE

Miguel Ascón

A Deputación homenaxeou a Alexandre Bóveda no aniversario do seu asasinato

18 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O 17 de agosto de 1936 Alexandre Bóveda, mestre do galeguismo, foi asasinado. A Deputación de Ourense quere que esta data sexa institucionalizada como o Día da Galicia Mártir en homenaxe aos perseguidos e executados pola súa defensa de Galicia. A institución provincial ourensá aprobou o pasado mes de marzo unha proposta do goberno do PP para instar ao Parlamento galego a que así sexa e onte José Manuel Baltar tivo oportunidade de recordarllo ao presidente da Cámara, Miguel Santalices, e ao conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, no acto organizado pola Deputación para homenaxear a Bóveda no aniversario da súa morte.

Alí, na rúa Barreira, xunto á súa casa natal e á escultura que o recorda, estaban representantes de todos os grupos políticos que participaron na aprobación daquela moción así como do Partido Galeguista. Tamén estaba Amalia Bóveda, filla de Alexandre e presidenta da fundación que leva o nome do seu pai. No seu discurso, reivindicou «xustiza, verdade e reparación». Previamente o presidente da Deputación falara dun «vil asasinato» e dun «xuízo farsa» no que cualificou como una «barbarie incivil». Baltar tamén dixo que é tempo de «reparar erros» e, sobre Bóveda e o seu galeguismo, concluíu: «A Galicia que el imaxinou aínda é posible».

As autoridades -entre as que estaba presente o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome- participaron despois nunha ofrenda floral en homenaxe ao mestre e o acto concluíu co himno galego, cantado por membros da Coral de Ruada.