Feijoo lembra a Abrente no «festival de teatro máis importante de Galicia»

La Voz OURENSE / LA VOZ

OURENSE

santi m. amil

O alcalde, César Fernández Gil, promete a creación dunha aula escénica municipal

20 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A MIT 2019 xa está a pleno rendimento. E o venres celebrou a súa xornada inaugural cunha cita que contou coa presenza do presidente da Xunta. Feijoo lembrou que a Mostra celebra o seu 35 aniversario, mais non so iso «senón que tamén festexa o medio século do nacemento da asociación cultural Abrente. Os seus integrantes non só foron os precursores deste festival, senón que tamén desempeñaron un papel individual e colectivo na promoción do teatro galego. Falar de vangarda é falar do Grupo Abrente». Lembrou no seu discurso figuras como as de Manuel Lourenzo, Vidal Bolaño ou Ernesto Chao e como «nas táboas dos escenarios da Mostra debutaron e medraron profesionalmente varias xeracións de actrices e actores».

Haberá escola de teatro

Recoñeceu e salientou o esforzo da organización por reunir cada ano «a obras e actores de altísimo nivel, circunstancias que converteron, primeiro á Mostra

de Teatro Abrente e posteriormente á MIT de Ribadavia, no festival de teatro máis importante de Galicia e do norte de España, así como nun dos máis destacados do panorama nacional».

Pola súa banda o director da Mostra, Roberto Pascual, fixo un chamamento para facer da MIT «un proxecto integral socioeconómico de país» e para coordinarse «con forza para un novo Abrente, o dunha escena galega nova, nun contexto e un mundo novo, con novas necesidades», adaptándose aos tempos actuais e ás demandas do novo público.

Unha das demandas históricas da capital do Ribeiro convertirase en realidade no futuro próximo. Hai anos que se reclama unha escola municipal de teatro, unha circunstancia -a falta de mesma- que sempre se viu como unha eiva sendo Ribadavia a capital do teatro de Galicia. Na súa intervención o alcalde, César Fernández, anunciou a creación dunha aula de artes escénicas na vila.

Grupo francés e circo catalán

A MIT ofrece hoxe dous pases de

Brimborions

, dos franceses Picto Facto. Serán ás 20.00 e 01.00 horas (Praza Maior). No castelo, ás 23.00 horas, estará Compañía de Circo «eia» coa obra

inTarsi

.