«O obxectivo prioritario era darlle proxección internacional á Mostra»

Roberto Pascual, responsable do festival de teatro de Ribadavia dende hai dez anos, aposta por ser a plataforma para espallar fóra a cultura galega


ourense

A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia celebra unha edición especial neste 2019. Unha singularidade que chega marcada polos números e as celebracións: 35 anos da MIT, 50 do colectivo cultural Abrente e 10 anos dende que Roberto Pascual (O Carballiño, 1981) se fixo cargo da dirección da MIT. O responsable do certame escénico da capital do Ribeiro compaxina o seu traballo na Mostra -que este ano se celebra entre o 18 e o 27 de xullo- coa súa faceta como xefe de estudos na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESADg) e a de asesor de artes escénicas no Ministerio de Cultura.

-O calidoscopio do cartel deste ano, esa «proxección do pasado como espello e impulso para o presente», é o sinal de identidade desta MIT?

-É unha avaliación desta etapa que comezou hai dez anos. Facemos un repaso, tamén unha autocrítica, do feito neste tempo. Lembrar o que queriamos conseguir e ver se os obxectivos marcados se acadaron, ou non, e que debemos facer de cara ao futuro.

-A internacionalización era a meta prioritaria?

-Cando empecei decidín marcar como horizonte principal darlle unha verdade de internacional á MIT. Que deixase de ser un apelido, algo circunstancial, e creo que iso se foi traballando e as alianzas internacionais, que é o verdadeiro sentido dun festival desas características, fóronse concretando en cuestións que non son gratuítas e teñen moita ideoloxía. Por exemplo que artistas internacionais como Pippo Delbono, Declan Donellan ou Nekrosius decidan -cando veñen a España- estrear os seus espectáculos en Ribadavia, é dicir na periferia, en lugar de facelo en grandes espazos de referencia cultural como Madrid ou Barcelona, é unha ideoloxía compartida polos artistas e o festival. E o obxectivo é resituar os centros culturais e reivindicar a periferia como un espazo de interese fóra dos discursos oficiais, dos tópicos, da moda e do mediático.

-Alianzas e liberdade?

-Nós o único deber de servizo que temos é o público, e non outro, e a arte. Mais a arte non só en beneficio dos artistas, senón no dos dereitos dos cidadáns galegos a ter acceso a unha cultura escénica internacional sen ter que ir por iso aos grandes centros escénicos de Madrid ou Barcelona.

-A aposta internacional volve a compartir protagonismo coa creación galega.

-O teatro galego é noso mellor aliado e parceiro, porque estamos orgullosos do que temos. Estrearemos Curva España, de Chévere, e a montaxe Un cuarto na rotonda. E clausuramos con Voadora, con quen levamos traballando nestes dez anos. No primeiro caso o proxecto faise con Teatro del Canal, de Madrid. Apostamos por exportar o que fan as nosas compañías e queremos ser a plataforma de proxección internacional da cultura galega. Xa que non hai unha preocupación real e proactiva da Xunta para espallar o noso, asumimos nós ese papel.

-A definición da MIT de Ribadavia como a «Avignon galega» marcará un punto de inflexión?

-Póñome rubio ao escoitalo. Que nos definan como tal é un milagre e un recoñecemento que nos enche de ledicia. Un pequeno festival coma o noso, con 180.000 euros, é incomparábel ao que se fai en Avignon, onde traballan cun orzamento de 2,5 millóns de euros. Ribadavia é unha illa, un oasis, no medio do legado que deixaron as leis de Montoro e outras que se foron aprobando e que matan a creación, a intelixencia, a eficiencia e liberdade. Imos facendo cousas e que se nos recoñeza, que se gabe o que se fai aquí, é unha verdadeira satisfacción e un recoñecemento.

-Por que seguimos sen unha entidade vencellada á realidade da MIT?

-Sempre se falou dunha fundación, aínda que ao mellor nin convén polo exceso de burocratización que existe e que está a asfixiar á cultura galega. Manter a confianza da xente e a nosa independencia é o que importa.

«Abrente é un legado que agradecer e un proxecto que aínda non rematou»

O cartel da MIT 2019, obra de A&B Comunicación e Deseño, fai un percorrido polos espectáculos que pasaron por Ribadavia nos últimos dez anos e fixa no centro a imaxe de Bobó, actor que visitou o pasado ano a Mostra coa montaxe La Gioia, da compañía de Delbono, e que morreu recentemente. Un xesto que supón unha lembranza e unha homenaxe do festival aos «que nos deixaron nestes dez últimos anos: Bobó, Ernesto Chao, Xosé Manuel Oliveira -Pico-, Miquel Gallardo, Eimuntas Nekrosius ou Xan Cejudo». A MIT 2019 chega cun programa no que se inclúe, entre outras, a presenza das montaxes Un poyo rojo (Un poyo rojo), Transfiguration (Olivier de Sagazan), Jauría (Kamikaze), inTarsi (Compañía de Circo «eia») ou Orquestra de malabares (Pistacatro e Banda La Lira de Ribadavia).

-Premio de Honra a Pistacatro. O circo é un dos protagonistas desta edición?

-Era unha arte escénica esquecida e hai que darlle visibilidade e reivindicala. Pistacatro é a compañía máis relevante en Galicia e cunha importante traxectoria. E tamén contamos coa Compañía de Circo «eia», que foi recoñecida amplamente nos premios Max, algo que se converteu nun verdadeiro acontecemento.

-Dez anos na dirección, trinta e cinco da MIT e medio século de Abrente.

-É o ano para gozar da maxia dos números e do seu carácter festivo. Abrente é un legado que agradecer e un proxecto que aínda non rematou. Agora traballamos en democracia, pero daquela tiñan que loitar contra a censura e organizar actividades na clandestinidade. Temos que reivindicar este legado e dar as grazas a estas persoas que apostaron polo festival e que fixeron que Ribadavia fose dende entón a capital do teatro de Galicia.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ourense

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«O obxectivo prioritario era darlle proxección internacional á Mostra»