Busquen a Godoy

Marcos Guimarey ARGUMENTARIO

OURENSE

15 jul 2019 . Actualizado a las 16:09 h.

Un saúdo dende o balcón real: «Koning van Holland», lido e mal pronunciado: «Konijn van ‘Olland». Louis Napoleón Bonaparte deixaba así de ser o rei de Holanda, para ser o coello de Olland. Lois, co tempo, deixou de ser coello e pasou a gañarse o alcume de «o Bo», ate o punto de que cando o seu irmán, que foi quen o colocou, lle pediu levas para a campaña Rusa, el, convencido xa de ser holandés, negouse. Napoleón resolveu cun «pasa pa’casa».

As sortes que tivemos co imperio napoleónico: a nós tocounos Pepe Botella frente Lois o Bo; suficiente. Ademais fixemos de Fernando VII (Borbón) «o Deseado», para logo ser o felón, o traidor á patria, ca volta ao absolutismo. Todo esto vén a conto de que reinando aínda Jose I Bonaparte, no 1813, coa Constitución de Cádiz aprobada, collen corpo as Deputacións.

Aseméllanse ás de agora, xa daquela tiñan unha figura de -permítanme o castelanismo-, «jefe político». O caso é que este «jefe» podía nomear alcaldes naqueles concellos de menos de tres mil habitantes, e tamén destituílos.

Nas instrucións da época o alcalde era un intermediario entre o «jefe político» e o Concello, sendo so responsable de que o corpus normativo se fixera público rapidamente, ou como se di agora, de saír na televisión, ou de publicar un chío ou unha historia.

As provincias, e con elas as deputacións provinciais, naceron coa intención de disolver os señoríos e controlar o territorio. Deixar a un lado a historia para aplicar criterios xeográficos, facer o estado ao uso e costume francés-xacobino, impedindo o federalismo.

A realidade foi que quen tiña a responsabilidade de atender e de crear riqueza para todas as veciñas, foi dende o secúlo XIX un espazo caciquil onde as estruturas dos señoríos perviviron. Agora busquen a Godoy e as súas felonias nesta traxicomedia absurda.