Onde quedou a cortesía

Xosé M. Rodríguez ANACOS

OURENSE

11 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Anda os tempos revoltos nisto da cousa pública. Un escenario, o actual, no que a ideoloxía e o compromiso só é coa carteira e co beneficio persoal. Convenientemente agochado no papel de cores do servizo aos cidadáns, as melloras para as respectivas colectividades e ese futuro vizoso que temos por diante. Isto sempre o temos que reinterpretar, logo de escoitalo ou lelo, en singular e poñéndonos na pel do emisor: que ben me vai ir cobrando o que nunca ía ingresar no meu posto; e logo dietas, asistencias a plenos e comisións... e o que veña. O de ingresar máis que no traballo propio estase a converter nunha constante: cada vez son máis as persoas que chegan á política sen ter oficio coñecido e o obxectivo non é outro que vivir da mesma. E para conseguilo o mesmo cambian de siglas que rematan por declarar o que nin aconteceu con tal de non estragar o que teñen.

Por perder, ata se perdeu ese pacto non escrito da marxe de manobra que se lle concedía aos novos gobernos municipais -neste caso porque é o último proceso celebrado-. Nalgúns lugares, como a cidade, nin cen días de confianza nin can que lle ladre. Dende o minuto un anda a cousa adoecida. Xa perdín a conta das veces que levou escoitado palabras e expresións que mesmo poderían entrar na antoloxía do insulto, da descualificación e mesmo de converterse en materia de xulgado.

Non conseguiremos ser a capital termal de ningures, nin o centro de intelixencia do infinito e máis alá -que vai rematar no coñecido coloquialmente como o Edificio Espabilado-, ou si, mais o ben que o pasamos e o animada que está a cousa pagan a pena.