Novos xuíces para manter viva a memoria do Couto Mixto

La Voz OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Agostiño Iglesias

A cita era na igrexa e no adro de Santiago de Rubiás

07 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A cita era na igrexa e no adro de Santiago de Rubiás. E alá se foron os Amigos do Couto Mixto e todos os que partillan dese proxecto que reivindica o legado do que foi o territorio independente da raia -que a ninguén servía máis que aos seus propios cidadáns- para lembrar a memoria e o legado deste espazo ceibo que aínda se mantén vivo na historia e se proxecta cara ao futuro.

Como acontece cada ano por terras de Calvos de Randín nomeáronse novos xuíces honorarios. Na igrexa do territorio Mixto, na mesma onde se xuntaban no adro os representantes dos pobos da zona -os homes de acordo- para a gobernanza da contorna, foron recoñecidos como xuíces honorarios a etnógrafa Mercedes Vázquez, o poeta Xesús Díaz Estévez e o presidente da Cámara Municipal de Melgaço, Manoel Batista Calçada Pombal.

Os representantes de Rubiás, Meaus e Santiago xuntábanse diante da arca das tres chaves para gardar nela os acordos acadados. E na igrexa de Santiago de Rubiás, en Calvos de Randín, e xunto á arca que mantén viva a historia e a memoria do territorio compareceron os novos xuíces para integrarse na Asociación do Couto Mixto. No caso de Mercedes Vázquez e Xesús Díaz Estévez o vencello coa zona é a súa conexión co espazo. Foi a comezos dos anos 90 cando Mercedes Vázquez, etnógrafa e fotógrafa, comezou a ter relación co lugar, do que tivo coñecemento a partir dun traballo sobre os mosteiros -por terras de Pitoes- e sobre o papel das mulleres da contorna. O seu último proxecto, a mostra Mulleres, xa percorreu boa parte de Galicia e as terras arraianas de Montealegre. No caso de Xesús Díaz, galego residente en Mérida, a tarefa acometida foi a creación do relato poético da historia do territorio do Couto Mixto.

Representación teatral

Este ano a xuntanza anual chegou con novidades e unha maior oferta no programa de actividades. Os asistentes ao encontro puideron asistir, por vez primeira, á representación teatral sobre a historia deste territorio que se desenvolveu no adro da igrexa de Santiago de Rubiás. O grupo Platea Lúa foi o encargado da posta en escena desta montaxe sobre o Couto Mixto.