«Agora a xente vén a vivir da política»

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Agostiño Iglesias

O socialista lembra que os pequenos concellos teñen problems para dar servizos

07 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

No ano que forma parte da historia asociado á morte do ditador Luis Milia Méndez (Xunqueira de Ambía, 1948) comezou a súa andaina socialista. «Estaba na farmacia militar, en Sevilla, cando entrei en contacto co PSOE. Logo, xa de volta, en Noia creamos a agrupación local e a infraestrutura da zona do Barbanza. Cando iamos botar a propaganda acantazábannos», lembra. De volta de Andalucía estivo traballando na universidade, en Galénica, ao rematar a carreira e logo -cando decidiu establecerse- fíxoo como farmacéutico en Carballeda de Avia.

En 1981 crean a agrupación local e dende entón Luis Milia leva vencellado á política activa. Estivo na oposición municipal, foi senador, é alcalde dende o 2001 e tocoulle vivir un dos episodios máis desgraciados da Denominación de Orixe Ribeiro: o da falsificación das contraetiquetas. Como alcalde de Carballeda de Avia viviu os seus días máis tristes no 2017, cando a vaga de lumes converteu o municipio en cinza e bágoas, e non deixa de laiarse por un Ribeiro que esmorece ao non ser quen de xerar oportunidades para que os mozos se queden e fixar poboación.

Asfixia dos pequenos concellos

Dende a súa experiencia incide nunha realidade teimuda, como é a dos pequenos concellos. «Tes que prestar os mesmos servizos que nun concello grande, e cada vez contas con máis responsabilidades e cometidos nesta materia, e iso vai parello co feito de que tes menos ingresos e que o territorio se vai despoboando e os veciños se van facendo maiores, co cal xa hai problemas de mobilidade e de transporte, o que encarece máis os servizos». Faise preciso redimensionar os concellos para dar unha resposta á nova realidade, mais é pesimista: «Non hai fusión de concellos por localismo. Fálase de perda de identidade, que só é un argumento para enganar sobre o que realmente pasa, que non é outra cousa que o desexo de seguir no poder».

Aínda que tivo durante anos unha importante presenza na vida política ourensá, tamén no seu partido, está alonxado da primeiraliña. Recoñece que o PSOE non dá superado as guerras fraticidas e sitúa a orixe do desprestixio da actividade no cambio de modelo. «Non vivo da política e para min o exercicio da mesma é un esforzo da persoa en servizo dos demais. Os problemas que pode haber no PSOE, como noutros partidos, é que agora a xentevén á vivir da política. Os que están a soldo da mesma non queren renunciar a eles e os que non o teñenquerenconseguilo. É o gran mal que ten o partido e a política en xeral. Só hai que mirar onde están os que deixan de cobrar, que lles falta tempo para fuxir».

Da súa etapa como senador, derradeiro goberno de Felipe González, lembra as queixas do seu compañeiro o ministro Pedro Solbes pola postura sobre as cotas lácteas sendo portavoz da comisión de Agricultura -«defendín a Galicia, que era o meu deber, e o partido varría para Cataluña porque Felipe estaba apoiado polos cataláns»-.

Un Ribeiro que esmorece

Tamén daquela foi cando presentou a denuncia contra o fraude das contraetiquetas, algo que desprestixiou ao Ribeiro. Dóelle a comarca e a denominación de orixe. Lembra con especial agarimo a súa etapa como presidente do Consello Regulador do Ribeiro -os contratos homologados, a aposta pola calidade e a reconversión, a modernización da feira do viño...- e leva tempo incidindo nunha realidade que non é boa e un futuro aínda peor. «De máis de 3.000 hectáreas de viñedo baixamos ás 1.700, e non creo que na actualidade haxa 1.300 hectáreas traballadas. Na época dos contratos homologados, publicados no BOE, a treixadura pagábase a 210 pesetas e sabías cando ías cobrar. Agora págase a 0,80 euros e sen garantía nin prazos. Dos anos 90 aquí o Ribeiro perdeu a metade da poboación, ou máis, e os novos marchan porque traballar os viñedos deixou de ser rendible. Hai moito mellores viños que antes e un gran potencial nos colleiteiros, mais en conxunto hai unha

realidade

mediática e outra, real, que fala da perda de poboación e de viñedos que quedan ermos. Estanos pasando en todos os concellos».

«Ver arder as casas e desaloxar á xente foi o peor que me pasou na vida»

A vaga de lumes de outubro do 2017 está vencellada aos peores días da súa vida. «Vivín a impotencia, a rabia e a soidade. Ver como por primeira vez o lume entraba nos pobos, como morría un veciño e se queimaban doce casas e moitas propiedades. Tivemos que desaloxar catorce pobos, sacar á xente da cama, algúns non aparecían porque quedaron agochados para salvar as súas propiedades... e non poder axudar cando os veciños che pregaban que lle mandases axuda e non había medios para ir. Foi terríbel! Ver arder as casas e ter que desaloxar á xente foi o peor que me pasou na miña vida».

E co panorama do día seguinte -con todo convertido en cinza, as árbores e os postes caídos, sen auga nin luz, en moitas zonas sen teléfono- sentir «a soidade cando a administración máis cercana ao cidadán, como a Deputación, te deixa só e non che presta ningunha axuda. Todo por política. Mais seguimos loitando: en moitas casas xa están vivindo e noutras están a punto de regresar».

Quen é. Profesión. O seu espazo.

Quen é. Luis Milia Méndez (Xunqueira de Ambía, 1948).

Profesión. Farmacéutico. É alcalde de Carballeda de Avia. Foi presidente do Consello Regulador do Ribeiro e senador polo PSOE.

O seu espazo. A barriada das Lagoas. Á mesma ía cando estaba interno nos Salesianos porque levaban os cregos alí aos nenos a xogar ao fútbol. Vencellada aos mesmos creouse a Cooperativa San Juan Bosco, e el vive no primeiro dos edificios. «Antes aquí non había nada. Eran todo casas baixas e unha leira. Logo fixeron os edificios das vivendas e a universidade».