A MIT de Ribadavia concede o Premio de Honra Roberto Vidal Bolaño ao grupo Pistacatro

OURENSE

CEDIDA

O circo será unha das apostas da Mostra Internacional de Teatro deste ano

06 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O circo é unha das apostas da MIT 2019 e a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia tamén dará un protagonismo especial a este apartado co seu Premio de Honra Roberto Vidal Bolaño. A organización acordou conceder o galardón que recoñece o mérito ás artes escénicas á compañía galega Pistacatro.

Dende a MIT lémbrase que «falar de Pistacatro é falar do novo circo en Galicia. O papel desenvolvido por esta produtora, por este colectivo de artistas, foi fundamental para a evolución e a consolidación dun referente das artes do circo e o cabaré na cultura galega actual». Á hora de dar a coñecer a súa decisión, a Mostra destaca o décimo aniversario do proxecto e a aposta por afrontar importantes retos e innovacións «coma a adaptación á linguaxe circense da novela de Xosé Luís Méndez Ferrín Arnoia, Arnoia ou o espectáculo Orquestra de Malabares, que se presenta nesta 35ª MIT e que supón un estimulante traballo comunitario que pon en valor as bandas de música locais». Dende o festival lémbrase o apartado formativo de Pistacatro Produtora de Soños e ao desaparecido malabarista e clown Manu Lago.