Caneiro aborda a figura do ditador Franco dende a ironía e a retranca

La Voz OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Santi M. Amil

O escritor artellou uns textos cando a súa filla tivo que estudar o franquismo no bacharelato

27 jun 2019 . Actualizado a las 13:32 h.

Cando a filla maior de Xosé Carlos Caneiro (Verín, 1963) estaba a cursar 2.º de bacharelato tivo que enfrontarse ao que corresponde a todo alumno que está no derradeiro curso do instituto, coa selectividade ameazando no horizonte. Daquela, Concha tivo que estudar a ditadura de Franco e o escritor verinés constatou que as novas xeracións, a da súa filla poñamos por caso, nin sabían quen era o maior dos franquistas e só lles provocaba xenreira pola aridez da materia. Naquela tarde de chuvia Caneiro sentiu a necesidade de contarlle á súa filla as vivencias e lembranzas, en ton desenfadado e burleiro, que gardaba daquel tempo. E foi así como xurdiu Francamente. Ironía biográfica da ditadura de Franco. A pequena publicación -menos de noventa páxinas- preséntase hoxe en El Cercano, o espazo cultural que edita o texto, e na cita das oito da tarde Caneiro estará acompañado por Concha, que actualmente é estudante de terceiro de Xornalismo.

No primeiro dos sete capítulos, o escritor rescata a ledicia experimentada por todos os rapaces daquel tempo: «Foron os días máis felices da miña vida. Tres días de vacacións inesperadas. Non tiña nin idea do que era o franquismo nin Franco, iso chegou despois, e o que si tiven claro era o que aquilo significaba: coller o autobús do Villalón en Ourense para marchar a Verín». Tamén lembra daqueles tempos as lecturas iniciáticas e as conversas con Víctor, o veciño de seus pais na cidade que era militante comunista na clandestinidade. Francamente non é un ensaio ao uso, «nin unha biografía, nin cousa polo estilo. É un libro escrito con moita sátira e ironía, que ofrece unha perspectiva particular e persoal do que foi o franquismo. Non é un ensaio académico, só ofrezo a miña peculiar visión do franquismo», incide.

A presenza do ditador no seu corpus literario -onde adoita aparecer como Franco Franco Franco, o que lle causou problemas con algún tradutor- tamén se constata, loxicamente, nesta obra. A Caneiro interésalle «como personaxe literario burlesco. Sería incapaz de facer unha biografía de Franco, que foi un ser desagradable e insoportable. Si a fixen de Borges, ao ser un personaxe grato para min». A burla e o sarcasmo están vencellados co ditador nas obras do verinés, quen rexeita a súa presenza na literatura galega dos 80: «Os textos que reflicten a súa figura e a realidade social daqueles anos son aburridos».

Aspectos como as diferentes etapas do franquismo -do fascismo á presenza dos ministros do Opus-, a duración excesiva da ditadura, o convencemento de que, por sorte, o personaxe non era eterno ou a constatación de que «é preciso que algo cambie para que todo siga igual» son aspectos que percorren Francamente. Tres anos despois, Caneiro volveu ao punto de partida con Marta, a súa outra filla.