A poesía e a muller, no Couto Mixto

Tres novos xuíces honorarios serán nomeados para rememorar este territorio. O acto terá lugar na igrexa de Santiago de Rubiás, en Calvos de Randín, o 6 de xullo


xinzo / la voz

O próximo día 6 de xullo as 12.00 horas serán investidos os novos xuizes honorarios do Couto Mixto na igrexa de Santiago de Rubiás (Calvos de Randín). Os recoñecidos serán Manoel Batista Calçada Pombal, presidente de la Cámara Municipal de Melgaço e dúas persoas moi especiais, vencelladas a vella Andorra Galega. Mercedes Vázquez Saavedra, etnógrafa e fotógrafa e Xesús Díaz Estévez, autor de A utopía que diluíu o vento, a primeira obra que poetiza a historia do Couto Mixto. Son dúas visións diferentes das lendas do mítico territorio formado por Meaus (Baltar), e Santiago e Rubiás (Calvos de Randín). A vella república independente e a súa transcendencia no patrimonio ourensán e galego non deixan de ir a máis ano tras ano.

Nesta edición, os promotores destes recoñecementos buscan salientar o destacado traballo realizado durante anos por dúas persoas. Unha vinculada sobre todo a posta en valor da relevancia do papel da muller nesa zona e a outra, que trata de deseñar un percorrido poético pola traxectoria do Couto, que marcou durante séculos a raia seca ourensán.

O acto de nomeamento dos novos xuíces verase aliñado con actuacións musicais e eventos culturais no incomparable marco da igrexa de Santiago.

«O papel da muller foi moi esencial na raia portuguesa»

O vencellamento da etnográfa e fotógrafa Mercedes Vázquez Saavedra coa raia seca e coas tradicións e lendas do Couto Mixto comezou na década dos 90 do pasado século. «Acudín a aldea de Pitoes, en Montalegre, dentro dun traballo sobre mosteiros da zona e quedei namorada do lugar para sempre, sobre todo polo carácter das xentes dalí», asegura.

A súa condición de femia e a súa empatía coas mulleres do lugar non fixo máis que enriquecer o seu amor pola raia. «O papel das mulleres dalí está pouco recoñecido. Moitísimas delas tiveron que facer de nai e de pai dos seus fillos, xa que os seus maridos tiveron que ir a emigración a buscar un mellor futuro. Encargábanse de coidar o gando e traballar as fincas. Eran persoas dunha enorme fortaleza», comenta. Esas mulleres, coas que collín enseguida moitísima confianza, contaban historias das súas nais e avoas, do Couto Mixto. Dos tempos do contrabando. Das axudas e refuxio que lle deron a moitos fuxidos galegos. Como non vamos a axudar aos nosos irmáns galegos?, comentábanme todas. Por outra banda, había un espiritu comunitario moi forte», expón Vázquez.

O papel e as fotografías desas mulleres arraianas, con centos de fotografías, concretouse. En varias exposicións. A última titulada Mulleres, xa percorreu media Galicia e varias localidades de Montalegre e doutras zonas do norte luso. Esta etnógrafa ten publicado varios libros sobre a relación entre a comunidade de Galicia e o país veciño de Portugal e a súa historia común e sobre outros aspectos da cultura galega.

Esas exposicións son historias de sentimentos. A labor desas mulleres tal vez non estea recoñecida, pero foi esencial na historia do Couto e de raia, asevera esta fotógrafa. Vázquez loa o traballo de promoción feito dende a asociación de amigos do Couto Mixto dende fai lustros.

«Foi todo un reto o primeiro poemario do Couto Mixto»

 Xesús Díaz, galego de nacemento, pero residente dende hai tempo en Mérida, recibirá o título de xuíz, entroutras cousas, por ser a primeira persoa que fai un relato poético da historia do territorio que foi un estado independente dende a Idade Media hasta mediados do século XIX. Díaz comezou o seu relato poético hai case tres anos. «Foi un reto para min. Todo empezou cando escribiu un pequeno poema sobre a figura do último xuiz honorario que tivo no seu momento O Couto, Delfín Modesto Grandón. Posteriormente, animeime a escribir un poemario íntegro», comentou Díaz. O texto, publicado no seu día por unha editorial de Santiago de Compostela, Edicións Positivas, foi o froito dun traballo de documentación e de repaso da historia do espazo do Couto e tamén de conversas directas cos veciños da zona. «Levoume dous anos escribir os 56 poemas do libro e tardamos case un ano en poder publícalo. O limiar está feito por Xosé Lois Méndez Ferrín», asegurou este poeta.

 As bases documentais para revivir esa historia de séculos baséanse en textos como a propia Historieta do Couto Mixto de Delfín Grandón ou o libro de Luis García Mañá sobre este territorio. «Axudoume moito rememorar a miña infancia, que pasei cos meus avós en Lobios. Recordo parte da linguaxe e dalgunhas verbas olvidadas agora como as candiolas (alusiva as pingas xeadas de auga no inverno), que tamén forman parte do patrimonio do Couto», comentou o poeta.

Aspectos como as costumes, o Camiño Privilexiado, as características da República, as características das xentes forman parte da estrutura dos poemas de Díaz. O orgullo enorme que supón para este limiao ter este recoñecemento tan especial fai que fixera unha especial mención a asociación de amigos do Couto. «Teño unha grande ilusión por recoller este título de xuíz».

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ourense

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

A poesía e a muller, no Couto Mixto