Ricardo González: «Temos que aproveitar a nosa ubicación xunto ao río Miño»

A novo rexedor de Toén quere potenciar a presenza do Concello dentro da denominación de orixe Ribeiro


ourense / la voz

Logo de doce anos como alcalde de Toén, Amancio Cid optou por promover o relevo xeracional na candidatura do PP e Ricardo González Gómez (Ourense, 1975) foi o cabeza de lista nas municipais do 26M. Tenente de alcalde no pasado mandato, entrou en política coincidindo coas municipais do 2015, revalidou a maioría coa que o PP gobernaba nos últimos mandatos.

-Como chegou á política local?

-Foi unha proposta do anterior alcalde. Viu que me interesaba por asuntos do Concello e tivo a ben propoñerme que o acompañase na candidatura das pasadas municipais e de nomearme tenente alcalde nestes anos.

-Que prioridades se marca como rexedor?

-O intervir de maneira destacada na mellora das iniciativas en materia de servizos sociais. Faise necesario e urxente fixar poboación e, entre outras propostas, imos contar con cheques regalo e agasallos de produtos farmacéuticos para as familias que teñan fillos. Tamén queremos promover a recuperación de vivendas para poder ofertalas a prezos económicos.

-A ubicación limítrofe coa cidade non axuda a incrementar poboación?

-No noso caso non. Constatamos que hai moita xente que vive en Toén pero non está empadroada aquí. Xeralmente son persoas que antes vivían na cidade, ou que teñen segunda residencia, e que prefiren seguir alí censados por cuestións relacionadas coa asistencia sanitaria ou outro tipo de prestacións. Ese é un aspecto a corrixir porque a nós xenéranos gastos pero non ingresos, ao non figurar como censados no municipio.

-Incidiu no seu día na necesidade de aproveitar a relación co Miño?

-É unha das nosas grandes potencialidades e unha materia pendente. Unha parte do municipio está na beira do río Miño. A nosa intención, xunto con outros concellos da zona, é crear rutas de sendeirismo e recuperar as barcas tradicionais, entre outras iniciativas.

-Tamén o fará no caso do Ribeiro?

-Nós temos que aproveitar a nosa ubicación xunto ao río Miño e a condición de Concello da denominación de orixe Ribeiro. Ademais das adegas que temos queremos incrementar a actividade no sector tentando recuperar e movilizar terras para novas plantacións.

-Haberá solución para o antigo sanatorio?

-Os edificios e os terreos son propiedade dos veciños de Moreiras-Trelle. Dito isto, hai interese e iniciativas para recuperalo. Agardemos que se materialicen.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Ricardo González: «Temos que aproveitar a nosa ubicación xunto ao río Miño»