César Fernández Gil: «Iremos a acordos para sacar adiante os grandes proxectos»

O rexedor municipal, do PP, afronta un mandato en minoría na capitalidade da comarca do Ribeiro


ourense / la voz

Contra todo prognóstico o PP fíxose coa alcaldía de Ribadavia. O non conseguir a maioría absoluta para gobernar en solitario e o feito de completar a corporación PSOE, Ribeiro en Común e BNG descartaron aos populares para calquera pacto de goberno. E así, sen negociación e por ser a lista máis votada, o portavoz desta formación conseguiu recuperar a alcaldía da capital do Ribeiro para o PP ao non haber pacto pola esquerda. César Fernández Gil exercía ata o de agora como concelleiro en Ribadavia e deputado autonómico. En Compostela presidía a Comisión de Xustiza e Interior e era o portavoz da de Educación e Cultura.

-Presentou a renuncia no Parlamento?

-A primeira hora mandouse o certificado do acordo plenario e a partir de aí, e en base á figura da «incompatibilidade sobrevenida» o Parlamento xa procede a tramitar a baixa como deputado.

-Que se fai no primeiro día de traballo como alcalde?

-Atender todas as necesidades que se prantexan dende o punto de vista burocrático: habilitar a firma electrónica e todo o que demandan os funcionarios responsables do día a día no Concello de Ribadavia.

-Ten definidas xa as responsabilidades do seu grupo?

-A nosa intención é celebrar un pleno o vindeiro día 27 para someter a aprobación todo o relacionado coas comisións, asignacións e demais. En principio non sabemos como vai ser porque o resto dos grupos aínda non presentaron os escritos designando portavoces e demais.

-Asumirá algunha das concellerías?

-Aínda non o sei. Polo de agora só temos o trazo groso do que pode ser o novo goberno municipal, de feito imos ter unha xuntanza agora para empezar a miralo.

-E nese «trazo groso» que figura?

-Que Clara Loeda vai levar Servizos Sociais, Yolanda Gómez será responsable de Cultura, os Servizos Municipais serán cousa de Miguel García e María Luz Expósito será a encargada de Obras. E logo iremos completando e asignando responsabilidades.

-Un dos puntos de desacordo no pasado mandato foi o das asignacións das dedicacións. Como van facer vostedes?

-Manteranse as dúas asignacións e coas cantidades que están fixadas na actualidade.

-Vai ser alcalde con cinco concelleiros, dos trece que ten a corporación. Confía en sacar adiante o mandato en minoría?

-Díxeno na toma de posesión e mantéñoo: a miña intención é chegar a acordos cos outros grupos políticos para sacar adiante os grandes proxectos para Ribadavia. A miña vai ser a xestión política da man tendida.

-Que prioridades se marca?

-As que figuran no noso programa. Somos ambiciosos e queremos cumprilas ao 100 % neste primeiro mandato. Acometer as obras pendentes en infraestruturas de abastecemento e saneamento, potenciar os servizos sociais, ampliar o polígono e atraer empresas para crear postos de traballo e asentar poboación, desenvolver proxectos que abran Ribadavia aos seus ríos -Avia, Miño e Maquiáns- e moitas outras actuacións.

-Decátase que vai ser o alcalde que inaugure o Museo do Viño de Galicia?

-Cando iso se produza será unha moi boa noticia para O Ribeiro e para toda Galicia.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

César Fernández Gil: «Iremos a acordos para sacar adiante os grandes proxectos»