Versos inspirados en Cabanillas do a ao z

OURENSE

MONICA IRAGO

O escrito de Cea, Ramón Caride, edita un novo traballo no que cada letra convértese nun poema

13 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Venres • 20 horas • Xardíns de Torrado (Cambados) • Entrada libre • Da obra do Poeta da Raza tense dito e escrito moito pero nunca, ata agora, houbo oportunidade de descubrilo seguindo as pautas que marca o abecedario. Primeiro co a de «Agras», logo co b de «Brúa», despois co c de «Cambados»...

«Ramón Cabanillas do A ao Z» ofrece unha singular maneira de achegarse ao poeta desde a visión doutro poeta, Ramón Caride (San Cristovo de Cea, 1957), que fai un inventario dos temas esenciais na vida do autor de «Vento Mareiro» seguindo a estela das letras e baixo o seu propio prisma; «Con máis concisión, atendendo máis ao espírito da obra de Cabanillas que ás formas», segundo explica o autor ourensán.

Caride non fai só esta viaxe de 60 páxinas. Cada un dos 23 poemas van acompañados dunha ilustración que asina o coruñés Xosé Cobas, nas que os bodegóns e as formas de muller conviven coa balconada do pazo de Fefiñáns; ese Fefiñáns de pedra que cabe nunha xeometría e o Fefiñáns dos pazos, arcos e torres que «gardan o tempo detido», segundo se pode ler no poema do mesmo nome, correspondente á letra f.

A escolma péchase con «Roseira», «Samos», «Quentura», «Teatro», «Umia», «Ventura», «Xoquín» e «Zanfona»: «Tolice dos amantes e dos tolos /Tolemia atroz de místicos e santos», escrebe Caride.

O libro é unha revisión dunha versión de Irene Penas na editorial Everest, xa descatalogada, está editado polo Concello de Cambados e o resultado poderase ver este venres na presentación que vai ter lugar nos xardíns de Torrado. Alí estarán Ramón Caride, o concelleiro de Cultura en funcións, Víctor Caamaño -que asina o limiar- e Kevi Aragunde, que porá a nota músical. No acto colaboran os institutos Asorey e Cabanillas e poranse á venda os primeiros exemplares, a cinco euros. Haberá máis ocasións de compralo. «Ramón Cabanillas do A ao Z» presentarase na feira do libro que se vai celebrar en Cambados do 19 ao 23 de xuño, onde Caride acudirá tamén con «Singamia 1.1», este de literatura xuvenil e ilustrado por Manuel Busto.