Manuel Conde Gómez «O meu obxectivo é pór a Vilar de Barrio no mapa»

sindo martínez XINZO / LA VOZ

OURENSE

cedida

O veterano ex deputado provincial perfílase como primeiro rexedor do BNG na localidade

29 may 2019 . Actualizado a las 08:19 h.

Manuel Conde Gómez é un vello coñecido da política municipal e provincial ourensá. Ocupou durante os anos 90 do pasado século o posto de portavoz do BNG na Deputación, criticando con dureza as decisións políticas de José Luis Baltar Pumar dende o seu posto na bancada nacionalista.

Tamén estivo durante varios mandatos facendo unha dura oposición ao aínda alcalde do seu pobo, Vilar de Barrio, o veterano Julio Pérez Carballo, que abandonará o cargo aos seus 84 anos -tras case tres décadas como rexedor polo PP, sempre con maioría absoluta-.

Conde obtivo un resultado espectacular. O BNG é por primeira vez a formación máis votada neste concello da chaira limiá. A formación do futurible alcalde pasou de 1 a 4 edís despois dun xiro electoral que deixou aos populares con 3 concelleiros, a Cidadáns con 1 e ao PSOE con outro. Os nacionalistas volverán a contar, despois de varios anos, cunha alcaldía na comarca da Limia. A formación liderada por Ana Pontón hai tempo que non contaba con ningún presidente de corporación nunha zona onde hai 15 ou 20 anos tiña unha implantación moi sólida.

«Acollemos o resultado cunha enorme ilusión e felicidade. Este resultado histórico para o BNG énchenos de esperanza», asevera.

Conde ten claro que vai tender a man a todos os partidos con representación para lograr a presidencia do concello o 15 de xuño. «Teño moi claro quen son os nosos aliados naturais (en alusión aos socialistas) para artellar unha maioría, pero tenderemos a man a todas as formación políticas de Vilar de Barrio». E sentencia: «Non se nos pasa outra posibilidade de que eu sexa o futuro alcalde do pobo».

O retorno de Conde Gómez á política activa chegou hai moi poucas semanas. Tras 20 anos na neveira en canto a representación institucional, un grupo de militantes nacionalistas animouno a liderar o novo proxecto do BNG en Vilar de Barrio. «Foi apenas hai oito semanas. Tiven as miñas dúbidas de que eu fora a persoa indicada para encabezar esta lista, pero os meus compañeiros estaban convencidos e decidín dar o paso», remarca.

Os proxectos para o novo mandato? «O obxectivo esencial é pór a Vilar de Barrio no mapa. Este é un pobo que está decaído, cun forte envellecemento poboacional e con serios problemas no eido agrario. É unha situación similar a de outros concellos de Ourense e Galicia, pero temos ata 90 propostas e iniciativas que pensamos levar adiante nos próximos anos. Non se trata só de arranxar unha fochanca nun pobo; queremos un cambio en profundidade no noso concello», expón. Iso pasa por medidas como a instalación de dous micropolígonos, a potenciación dos servizos sociais, a colocación de dúas básculas de pesaxe agrícola en Vilar de Gomareites e Bóveda ou o impulso ao turismo local. «Temos unha enorme riqueza paisaxística na Serra de San Mamede e debemos sacarlle todo o partido posible. Trataremos de mellorar a calidade de vida da xente do pobo nos próximos anos», comenta o candidato do BNG.