Ourense: «De entrada hai que darlle un marxe á candidatura que foi a máis votada»
José Araújo di que Ciudadanos debe reflexionar sobre «as opcións de goberno que hai enriba da mesa e cal delas é a máis interesante»
Ourense
Despois de toda unha vida de militancia no PP, José Araújo Fernández deixou o partido cando quedaban poucas semanas para as eleccións e fichou por Ciudadanos. Este domingo estreouse como candidato da formación laranxa á alcaldía de Ourense e logrou volver á corporación baixo esas novas siglas. Obtivo cerca de 5.000 votos, un 8,74 % do total, máis do que prognosticaban as enquisas. El non oculta o seu malestar polas escasas expectativas que marcaron esas consultas para Ciudadanos, pero di estar satisfeito da campaña realizada e tamén disposto a traballar nesta nova etapa para conseguir melloras para Ourense.
-Ciudadanos quedou cerca do conseguir o terceiro concelleiro.
-É que eu creo que ao final van ser tres. Conto con iso. Estamos a moi pouquiño e todo o que permita a lei e todo o que poidamos reclamar para conseguir ese terceiro concelleiro farémolo.
-Esperaba máis representación aínda que eses dous ou tres concelleiros dos que estamos falando?
-Na rúa percibimos moi boas sensacións nestes días pero tamén é verdade que nesta ocasión había unha oferta amplísima de opcións. En todo caso, estamos moi agradecidos porque son case 5.000 os ourensáns que nos prestaron o seu apoio e iso é algo que o enche a un de orgullo e de responsabilidade. Agora hai que estar a altura.
-A lista máis votada foi a do PSOE. Cre que deberían liderar o futuro goberno local os socialistas?
-Agora temos que reflexionar como organización, pero de entrada hai que darlle un marxe á candidatura que foi a máis votada. Nós a partir e hoxe temos que falar de que opcións de goberno hai enriba da mesa e cal delas é a máis interesante para o futuro da cidade. Dixémolo e ímolo seguir mantendo: intentaremos ser útiles para sacar cousas adiante.
-Pero, a priori, vese na oposición ou no goberno?
-Claro que si. Eu véxome tanto no goberno como na oposición. Ademais non sería a primeira vez. Non hai que enrocarse en ningún posicionamento e temos que sacar adiante os temas máis importantes para a cidade.
-E que prefire vostede? Ser útil desde a oposición ou nun eventual goberno de coalición?
-É un tema que está por ver. De momento non che vou a contestar a esa pregunta. Non teño capacidade para contestala agora porque temos que falalo internamente no partido.
Comentarios